Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui-Valença ultima os preparativos da Cabalgata Internacional de Reis

28/12/2023

Sairá o venres 5 de xaneiro ás 17 h dende a Estación do Tren de Valença para rematar no Paseo da Corredoira en Tui

A Eurocidade Tui-Valença ultima os preparativos para a celebración o próximo venres, 5 de xaneiro, ás 17 h da Cabalgata Internacional de Reis. Un ano máis Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán a Eurocidade cargados de ilusión nunha noite máxica.

A unha semana da celebración desta singular cabalgata de Reis, que se celebra entre dous municipios de dous países, as carrozas nas que subirán os Reis Magos están case a punto, a falta de algún pequeno detalle. Amais coordinase toda a seguridade do evento así coma o plan de tráfico que se establecerá ao longo das rúas por onde pasará a comitiva real.

Un ano máis os Reis Magos chegarán en tren até Valença, para subir logo ás súas carrozas reais coidadosamente decoradas e iluminadas, dende as que saudarán á poboación dunha e doutra beira do Miño. A vella Ponte Internacional, rúa común entre Tui e Valença, e porta de entrada a Galicia do Camiño Portugués a Santiago, será un dos puntos destacados do percorrido que rematará no Paseo da Corredoira, onde os cativos e cativas que o desexen poderán saudar persoalmente aos Reis Magos.

O Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença, encargados da organización da Cabalgata Internacional de Reis darán a coñecer o próximo martes os detalles concretos do evento, dende os horarios previstos de pase por distintos puntos, á composición da comitiva real, e outros aspectos dun evento destacado na programación da Eurocidade.