Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Empresas e profesionais da música de Galicia e Portugal tenden novas pontes no MUMI, do 9 ao 11 de setembro

6/09/2021

Ademais de 18 showcases, o Encontro Profesional das Músicas no Minho programa faladoiros, encontros e debates na Eurocidade Tui-Valença.

Os dereitos das artistas, as diversas formas de apoio á cultura, o papel das salas de concertos e dos festivais, ou o asocianismo na xestión cultural serán algún dos temas que aborden os faladoiros programados polo MUMI 2021. Do 9 ao 11 de setembro a Eurocidade Tui-Valença acolle o Encontro Profesional das Músicas no Minho, cun programa completo que xa se pode consultar en mumimusicas.eu. Ademais das actividades profesionais que discorrerán na Escola Superior de Ciências Empresariais de Valença, moita música ao vivo con dezaoito showcases nos 3 días e dous concertos moi especiais: a Orquestra Galego Portuguesa de Liberación o 9 de setembro en Tui, e Galandum Galundaina e Uxía o 11 de setembro en Valença como peche do MUMI. Patrocinado pola Eurocidade Tui-Valença, tamén apoian o MUMI 2021 a Direção Regional de Cultura do Norte e a Xunta de Galicia así como a Fundação GDA, Fundación SGAE, Deputación de Pontevedra, Bodegas Martín Códax, Gadis e Mel: Piquenique das artes!

Empresas de produción e management, responsables de programacións musicais, xestores e técnicos de cultura, xornalistas e artistas están convidados a inscribirse no MUMI 2021 a través da súa páxina web mumimusicas.eu. A actividade na Zona PRO, instalada na Escola Superior de Ciências Empresariais de Valença, botará a andar o xoves 9 de setembro con dous faladoiros: “Dereitos de autoría e dereitos das artistas” (12:45 GZ, 11:45 PT) e “O asociacionismo na xestión cultural” (16:00 GZ, 15:00 PT). Así mesmo o venres 10 están previstos tres faladoiros: “Festivais: creando experiencias arredor da música” (11:00 GZ, 10:00 PT), “Diferentes fórmulas de apoio á cultura” (12:45 GZ, 11:45 PT)) e “As salas de concertos, un referente no sector” (16:00 GZ, 15:00 PT). Durante as mañás do 9 e 10 de setembro as persoas asistentes terán oportunidade de participar en speed meetings que servirán para poñer en contacto a profesionais e empresas que operan en Galicia e Portugal.

A Zona Pro do MUMI 2021 tamén acollerá a exposición “cantáMOLA en galego (2000-2020)”, unha mostra itinerante que amosa a variedade de estilos, formacións e solistas que compoñen o panorama musical en galego a día de hoxe. Os profesionais que participen no MUMI poderán achegarse, a través desta mostra, a referentes na canción de autoría, do pop máis intimista ao rock máis contundente, da electrónica á música infantil, agrupados en catorce roll-ups e co acceso a unha listaxe de reprodución en Spotify e unha canle de Youtube con vídeos de mostra. “cantáMOLA en galego (2000-2020)” é unha exposición cedida polo Concello de Pontevedra e que está promovida pola súa Concellaría de Normalización Lingüística. Dous destacados xornalistas musicais, Pepe Cunha e Teresa Cuiñas comisarian os contidos desta exposición con deseño e produción de Capicúa e que conta cunha cunha unidade didáctica preparada pola escritora Rosalía Fernández Rial.
18 showcases, especiais ao vivo e sesión Duendeneta
A organización do MUMI abre boa parte da actividade do encontro á cidadanía en xeral, con showcases localizados en espazos patrimoniais emblemáticos de Valença como a Fortaleza coas Cortinas de São Francisco ou a Fonte da Vila, e de de Tui como a Praza de San Fernando presidida pola Catedral ou o Paseo da Corredoira. Os showcases programados de bandas e artistas de Galicia e Portugal serán a columna vertebral do MUMI 2021 e boa parte deles ábrense á asistencia do público xeral. Familia Caamagno, Magín Blanco e A banda das apertas, Oîma, Os d’Abaixo , O Sonoro Maxín, Pálida, Pulpiño Viascón, Silvia Penide e Xacobe Martínez Antelo Quinteto conforman a relación dos showcases galegos. No caso de Portugal, as bandas seleccionadas son tamén nove: Barry White Gone Wrong, Cassete Pirata, Conjunto!Evite, emmy Curl, Jorge da Rocha, José Valente, Káustika, TAKATUM apresenta Ah!Ah!Ah! e The Guit Kune Do. O MUMI 2021 tamén será escenario da estrea absoluta da Orquestra Galego-Portuguesa de Liberación o xoves 9 no concerto de apertura en Tui e dos espectáculos de Galandum Galundaina e Uxía o sábado 11 en Valença como peche desta edición. A organización do MUMI indica que nos concertos abertos ao público a entrada en gratuíta con acceso por orde de chegada e recollida de datos das persoas asistentes.
A animación nas rúas será unha parte importante do MUMI, que incorpora ao seu programa aberto a discoteca móbil vintage “La Duendeneta: os camiños das músicas galegas”, que aparcará na Corredoira en Tui o sábado 11 (19:00 GZ, 18:00 PT). O xornalista musical Carlos Crespo, cunha experiencia de máis de 20 anos na difusión da cultura desde diversos medios de comunicación, trae a súa furgoneta Avia de 1974 ao MUMI para  ofrecer un percorrido atemporal e sen complexos polos últimos 50 anos da música en galego, desde Andrés do Barro até Tanxugueiras. Esta sesión didáctica da coñecida music-truck, viaxa pola historia da música galega desde os pioneiros até o día de hoxe e inclúe un  código QR a través do que poder escoitar unha lista de reprodución de catro horas con todos os artistas citados no proxecto. 

XOVES 9 SETEMBRO 

VALENÇA 
•    10.30 PT/11:30gz. EXPOSICIÓN DE MÚSICA EN GALEGO DO S. XXI: "cantáMOLA en galego" 
Zona PRO (Valença) 

•    11:45 PT/12.45 GZ: FALADOIRO Dereitos de autoría e dereitos das artistas. Zona PRO 

•    12:00 PT/13:00 GZ. SHOWCASE José Valente, Auditório Zona PRO 

•    12:45 PT/13:45 GZ. Acto de benvida. Zona PRO 

•    15:00 PT/ 16.00 GZ. SHOWCASE The Guit Kune Do. Auditório Zona PRO 

•    15:00 PT/16:00 GZ FALADOIRO O asociacionismo na xestión cultural. Zona PRO 

•    16:30 PT/ 17:30 GZ.. SHOWCASE. Oîma. Fonte da Vila (Valença) 

TUI 

•    19:30GZ / 18:30 PT. SHOWCASE Cassete Pirata. Praza de San Fernando (Tui) 

•    20:15 GZ /19:15PT, SHOWCASE O Sonoro Maxín. Praza de San Fernando (Tui) 

•    21.30 GZ / 20.30PT. Orquestra Galego-Portuguesa da Liberación, Concerto de Apertura, Paseo da Corredoira, Tui 

•    23:30 GZ/22:30 PT. Pálida. Espazo Off (Tui). 

VENRES 10 SETEMBRO 

VALENÇA 

•    10:00 PT/11:00 GZ: FALADOIRO Festivais: creando experiencias arredor da música. Zona PRO 

•    11:00 PT/12:00 GZ SHOWCASE. Xacobe Martínez Antelo Quinteto. Auditório Zona PRO 

•    11:45 PT/12:45 GZ: FALADOIRO Diferentes fórmulas de apoio á cultura. Zona PRO 

•    15:00 PT/16:00 GZ SHOWCASE. Os d'Abaixo. Auditório Zona PRO 

•    15:00 PT/ 16:00 GZ: FALADOIRO As salas de concertos, un referente no sector. Zona PRO 

•    16:30 PT/ 17:30 GZ. SHOWCASE Jorge da Rocha. Fonte da Vila (Valença) 

TUI 
•    19:30 GZ /18:30 PT SHOWCASE Silvia Penide. Praza de San Fernando (Tui) 

•    20:15 GZ / 19:15 PTSHOWCASE. Barry White Gone Wrong. Paseo da Corredoira (Tui) 

•    21:00 GZ/20:00 PT SHOWCASE Conjunto! Evite. Praza de San Fernando (Tui) 

•    21:45 GZ/ 20:45 PT, Familia Caamagno. Paseo da Corredoira (Tui) 

•    23:00 GZ/22:00 PT emmy Curl. Espazo Off (Tui) 

SÁBADO 11 DE SETEMBRO 

•    12:00 GZ/11:00 PT. SHOWCASE. TAKATUM presenta Ah!Ah!Ah! Praza de San Fernando (Tui) 

•    12.45 GZ/11:45 PT. SHOWCASE MAGÍN BLANCO E A BANDA DAS APERTAS. Praza de San Fernando (Tui) 

•    15:00 PT/ 16:00 GZ.SHOWCASE KÁUSTIKA. Fortaleza (Valença) 

•    15:45PT/16:45 GZ. SHOWCASE. Pulpiño Viascón. Fortaleça (Valença) 

•    19:00 GZ/18:00PT La Duendeneta: Os Camiños das Músicas Galegas. Paseo da Corredoira (Tui) 

•    21:00 PT/22:00 GZ. Galandum Galundaina + Uxía. Concerto de clausura, Cortinas de São Francisco (Valença)