Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Contacontos "A grila camila" na biblioteca municipal de Tui

23/10/2013

Para celebrar o 24 de outubro, Día da Biblioteca

Mércores, 23 de outubro de 2013. Mañá xoves, 24 de outubro, terá lugar o contacontos “A grila Canila” na Biblioteca Municipal de Tui ás 17:30h, actividade que se desenvolve ao abeiro da programación do Día da Biblioteca que se celebra mañá en todo o país .

A narradora tudense Silvia Capón e a ilustradora Patrizia Acebes achegarán aos máis cativos ao mundo fantástico de “A Grila Camila”, no que descubrirán por qué os grilos fan “cri, cri”. Mediante os contacontos foméntase o interese dos pequenos pola lectura dun xeito dinámico, participativo e divertido, inculcando os valores da lectura desde as idades temperás.

Amais a Biblioteca Pública Municipal de Tui, en colaboración coas bibliotecas escolares do noso municipio, convoca a segunda edición do concurso de fotografía “Lendo na casa” que pretende fomentar o hábito da lectura no ámbito doméstico e a creatividade plástica e artística. Cada concursante poderá presentar un máximo de tres fotografías, en branco e negro ou a cor; cada unha delas virá acompañada dun título, opcionalmente poderá acompañar unha breve descrición sobre as circunstancias da fotografía ou un breve fragmento literario relacionado coa obra presentada.

O prazo de presentación dos traballo remata o 30 de novembro de 2013. Establécense tres premios, consistentes en: outros tantos lotes de libros seleccionados pola Biblioteca Pública Municipal de Tui, así como un diploma acreditativo para os accésits, se os houbera.

A celebración do “Día da Biblioteca” é unha iniciativa da Asociación Española do Libro Infantil e Xuvenil que dende 1997 ven promovendo esta efeméride para a difusión do importante papel que cumpren as bibliotecas no desenvolvemento social das persoas e das colectividades e para favorecer o coñecemento pola opinión pública do traballo que realizan estes centros culturais.