Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Cabalgata Internacional Tui - Valença sairá o sábado ás 17 dende Valença

3/01/2013

Agárdase a miles de persoas na Cabalgata Internacional de Tui-Valença

Os magos de Oriente sairán ás cinco dende Valença en magníficas carrozas

 

Xoves, 3 de xaneiro de 2011. Preto de 200 persoas participarán este sábado na comitiva da Cabalgata Internacional de Reis que partirá ás 17 hora española dende o Albergue de San Teotonio en Valença do Miño.

 

Os Reis Magos Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán en tres magníficas carrozas xunto cos seus paxes e outras tres carrozas das asociacións culturais de Guillarei, Pazos de Reis e Randufe.  A Rondalla do Centro Cultural “O Mosteiro” de Pexegueiro porá a nota musical xunto aos grupos de cavaquinhos de Valença “Escola de Música de San Pedro” e “Luar do Miño”. Formarán tamén parte da comitiva o grupo Scouts Alhoia de Tui, Protección Civil, a Policía Local, a GNR, os Bombeiros Voluntarios de Valença con dous camións, e o tren turístico valenciano cheo de duendes.

 

No seu percorrido a Cabalgata pasará pola Avenida dos Bombeiros, a rotonda da Trapicheira e a Avenida de España en Valença. Atraveserá logo pola vella Ponte Internacional adecuada pola empresa que está executando as obras nesta infraestrutura para facilitar o paso das carrozas, e continuará pola Avenida de Portugal, as rúas Martínez Padín, Augusto González Besada e Paseo da Corredoira. Xa no Cantón de Diómedes, onde está previsto que cheguen entorno ás sete da tarde, Melchor, Gaspar e Baltasar farán a súa ofrenda no Portal de Belén, onde darán lectura tamén a súa mensaxe real. Durante todo o percorrido e na Corredoira repartirán mil quilos de caramelos. Ata ás nove da noite recibirán aos cativos que desexen saudalos.

 

Os cativos poderán disfrutar tamén, nesta data, da presenza na Praza da Inmaculada da presenza de Dora Exploradora e o Pato Donald entre ás 18 e ás 20h.

 

Dada a boa predición meteorolóxica xunto ao feito de coincidir en sábado esta actividade agárdase que miles de persoas enchan as rúas de Tui e Valença para ver o paso desta cabalgata internacional.

 

A Concellería de Educación e Cultura do Concello de Tui xunto á Cámara Municipal de Valença organiza esta cabalgata na que colaboran a Policía Local, Protección Civil, a Garda Nacional Republicana, o Centro de Cooperación Policial e Aduaneiro, o grupo Scouts Alhoia, os Bombeiros Voluntarios de Valença, diferentes departamentos do Concello, e as asociacións culturais de Guillarei, Randufe, Pazos de Reis e Pexegueiro.    

 

Como cada ano é tamén imprescindible a colaboración da cidadanía para o bo desenvolvemento desta actividade.

 

Pola mañá visitarán aos maiores que viven nas Residencias Paz e Ben e San Telmo

Previamente pola mañá os Reis Magos visitarán as Residencias Paz e Ben acompañados pola Rondalla “A Insua” de Caldelas, e a Residencia San Telmo xunto coa Rondalla do Centro Cultural “O Mosteiro” de Pexegueiro.