A Biblioteca Municipal de Tui promove obradoiros, exposicións e actividades arredor do Nadal
A Biblioteca Pública Municipal de Tui promove diversas actividades ao longo do mes de decembro nunha programación de Nadal que abrangue ata o 4 de xaneiro cunha oferta segmentada por idades para achegarse ao maior número de persoas usuarias e interesadas.
A principal oferta son os sete obradoiros de Nadal a celebrar do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro, dirixidos a todos os nenas e nenas e que abordarán diversos temas: papiroflexia, maxia, creación de adornos, xogos, etc. Terán lugar ás 11.30 horas cunha duración de 2 horas. Os interesados en participar deben realizar a inscrición para cada obradoiro no correo electrónico biblioteca@tui.gal ou presencialmente na propia biblioteca municipal.
Ao longo deste mes de decembro haberá dúas interesantes exposicións. Por unha banda Afundación – Obra Social de Abanca presenta na sala Municipal de Exposicións unha escolma de fotografías titulada “Berces de vida: de paseo polos bosques de España” cunha selección de 26 6 fotografías cheas de luz, cor e beleza, que retratan os diferentes ecosistemas boscosos de todas as comunidades autónomas. No Anexo da Sala Municipal de Exposicións poderemos contemplar dende esta semana “Re-construíndo soños con ladrillos e maquetas de Tui” de Luis Arias da Asociación “Exin Castillos y West”.
Na programación figuran tamén dúas presentacións de libros. O pasado martes 5 de decembro presentouse “Tesouros escondidos” promovido polo grupo espeleolóxico “Maúxo” e este mércores 13 de decembro presentarase o libro "Rutas por el pasado judío de Galicia" de Gloria de Antonio Rubio.
Amais este mércores, 13 de decembro, abrirá o xa tradicional “Mercadiño de libros solidarios” que promove a propia Biblioteca Municipal con libros duplicados e procedentes de expurgos e doazóns recibidas no propio centro bibliotecario, onde os asistentes poden intercambiar libros por produtos propios do Nadal que serán entregados aos Servizos Sociais municipais.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade de Tui, Sonsoles Vicente, subliña o interese destas actividades que abordan dous obxectivos: a promoción da lectura e da cultura para todos os cidadáns e unha oferta de obradoiros para os cativos que favorece alternativas de ocio e de conciliación familiar nestas datas do Nadal.
Programacion Nadal na Biblioteca Municipal
Xoves 24 novembro - 4 de xaneiro
- Exposición “Berces de vida” de Afundación
- Sala Municipal de Exposicións
Martes 12 de decembro – 5 de xaneiro
- Exposición “Re-construíndo soños con ladrillos e maquetas de Tui” de Luis Arias da Asociación “Exin Castillos y West”
- Anexo Sala Municipal de Exposicións
Martes 5 decembro – 20.00 h.
- Presentación do libro “Tesouros escondidos” do Grupo espeleolóxico Maúxo
- Edificio “Francisco Sánchez”
Mércores 13 decembro – 19.30 h.
- Presentación do libro "Rutas por el pasado judío de Galicia" de Gloria de Antonio Rubio.
- Sala “Félix Rodríguez González”
Xoves 14 decembro – 5 xaneiro
- Mercadiño solidario de libro
- Sala Municipal de Exposicións
Obradoiros de Nadal
Compre inscrición previa para cada obradoiro en biblioteca@tui.gal
- Martes 26 decembro – 11.00 h Adornando o Nadal
- Mércores 27 decembro – 11.00 h Os elfos fabrican xogos
- Xoves 28 decembro – 11.00 h Facendo inocentadas
- Venres 29 decembro – 11.00 h Crea a túa marioneta
- Martes 2 xaneiro – 11.00 h Voando coa papirofrexia
- Mércores 3 xaneiro – 11.00 h Xogando xuntos
- Xoves 4 xaneiro – 11.00 h A maxia do Nadal e Reis