Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal agasalla cunha obra de Ánxeles Ferrer aos nenos e nenas que retiren un libro en préstamo este Nadal

28/12/2023

Nestas datas de Nadal a Biblioteca Municipal de Tui está a agasallar a todos os nenos e nenas de até 9 anos que retiren un libro en préstamo cun exemplar da obra “Tres princesas namoradas” escrita e ilustrada por Ánxeles Ferrer.

Este agasallo é posible grazas á colaboración da autora que ten doado un amplo número de exemplares desta obra á Biblioteca Municipal tudense coa finalidade de contribuír á difusión da lectura entre os seus usuarios máis novos.

Ánxeles Ferrer posúe unha longa traxectoria como autora e ilustradora de literatura infantil, cunha decena de libros escritos e ilustrados por ela e con máis de vinte obras nas que participa como ilustradora. Na actualidade está centrada na súa actividade como artesá téxtil.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente, agradece este xesto da ilustradora Ánxeles Ferrer que contribúe á promoción do libro e a lectura a través da nosa biblioteca municipal.