Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As bandas sonoras protagonizan o concerto solidario de Santa Icía da Banda de Música Popular de Tui

10/11/2023

Celebrarase o sábado 25 de novembro ás 20 h no Teatro Municipal. A entrada será un quilo de alimentos non perecedoiros para SOS Tomiño Baixo Miño

A Banda de Música Popular de Tui vai celebrar a festividade de Santa Icía, patroa dos músicos, cun concerto solidario en beneficio de SOS Tomiño Baixo Miño protagonizado polas bandas sonoras. A cita será o próximo sábado, 25 de novembro, ás 20 h no Teatro Municipal de Tui. No mesmo contan coa colaboración do Concello de Tui, a través da concellería de Cultura.

A agrupación tudense, dirixida por Eloy Carrera, preparou para  a ocasión un repertorio cinematográfico no que interpretarán os temas de películas coma Et ou a saga de Star Wars, xunto “O rei León”, “Os vengadores”, “Aladdin”, ou o tema “Recórdame” de Coco. Non faltarán tampouco as composicións coas Morricone puxo banda sonora a outros filmes, ou melodías de Century Fox, Pixar ou Loney Toons.  Os personaxes desta películas formarán parte tamén do concerto con proxeccións audiovisuais ou diversas recreacións.

Tras a súa participación no Certame Galego de Bandas de Música en Narón, onde acadaron o terceiro premio da súa categoría, o medio centenar de compoñentes da Banda de Música Popular de Tui céntranse agora nos ensaios do repertorio que ofrecerán o próximo día 25.

Este será amais un concerto solidario xa que a entrada ao mesmo será un quilo de alimentos que serán doados a SOS Tomiño – Baixo Miño. Leite, cacao, legumes en conserva, galletas, son algúns dos produtos máis demandados, pero tamén se poden entregar outros vinculados xa ás celebracións do Nadal.

A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, felicita á Banda de Música Popular de Tui por esta iniciativa musical e solidaria. A edil convida á cidadanía a asistir a este concerto o próximo día 25 ás 20 h no Teatro Municipal de Tui.