Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Aprobado o Plan de Dinamización da Área Rexurbe de Tui

26/01/2024

É unha folla de ruta para os próximos catro anos cos obxectivos e liñas estratéxicas a seguir nos eidos arquitectónico, urbanístico, ambiental, económico, social e demográfico

O Plan de dinamización da área de rexeneración urbana de interese autonómico, Área Rexurbe, de Tui vén de ser aprobado polo Consello da Xunta de Galicia onte xoves, 25 de xaneiro. Trátase  dun instrumento de planificación plurianual no que se integran actuacións a nivel arquitectónico e urbanístico, dirixidas  a fomentar as políticas de rehabilitación e a mellora dos espazos e equipamentos públicos, e outras que buscan unha reactivación económica, demográfica e social do dito ámbito.

O Plan elaborado polo Concello de Tui a partir dun modelo que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) puxo á disposición dos municipios a modo de guía, determina a folla de ruta a seguir durante os vindeiros catro anos, os eidos nos que deberán  centrarse as actuacións e as medidas sobre as que se porá o foco, así como os organismos públicos que participarán na súa posta en práctica.

Este Plan é a folla de ruta para os próximos catro anos cos obxectivos e liñas estratéxicas a seguir nos eidos arquitectónico, urbanístico, ambiental, económico, social e demográfico.

Entre as accións concretas a impulsar figuran a rehabilitación de inmobles xa construídos e deteriorados, a reordenación do tráfico rodado e peonil dentro do ámbito, a conexión do conxunto histórico co paseo fluvial, o fomento de iniciativas empresariais innovadoras e do coworking e o apoio á emancipación xuvenil.

O documento prevé actuacións dinamizadoras desde o punto de vista arquitectónico, urbanístico e ambiental; medidas para reactivar a economía e o emprego; e propostas en clave social e demográfica que contribúan a revitalizar o ámbito, información que se canalizará a través do persoal a cargo da oficina ou centro Rexurbe municipal, que se vai crear. 

A Área Rexurbe do Concello de Tui foi aprobada en setembro do ano 2021. Abrangue unha superficie de algo máis de 135.000 metros cadrados. Nela está incluída a totalidade do seu conxunto histórico —declarado Ben de Interese Cultural— e tamén outras zonas da contorna: Paseo da Corredoira, Bispo Lago e Martínez Padín N-550.  Neste ámbito hai identificados máis de 360 edificios dos cales 67 están nun estado malo, ruinoso ou deficiente. Na zona residen ao redor de 1.900 persoas, das que case a cuarta parte superan os 65 anos.

Estímase que será necesario un financiamento de aproximadamente 23,4 millóns de euros procedentes tanto de fondos públicos como privados.

A de Tui é unha das sete Áreas Rexurbe que existen en Galicia, sendo Tui o terceiro concello, despois de Mondoñedo e Ribadeo, que  teñen aprobado e en vigor o seu correspondente Plan de dinamización.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta que a aprobación deste Plan de Dinamización é “unha excelente noticia para Tui”. Importante precisaba porque “plasma o compromiso da Xunta de Galicia e do propio Concello de Tui, de achegar investimento que dentro do plan directorio da Área Rexurbe se estimaban en 23,4 millóns de euros para iniciar unha serie de actuacións relativas non só á rehabilitación dos espazos e equipamentos públicos senón tamén que o Plan de Dinamización vai moito máis alá porque busca unha reactivación económica, e polo tanto tamén, demográfica e social do noso conxunto histórico”. Por iso concluía “hoxe é un día feliz para esta cidade e para o noso patrimonio histórico”.