Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Acordo unánime da corporación tudense reclamando ao goberno do Estado os cartos do desentullo de Paramos

30/07/2021

O concello de Tui adiantou case millón e medio de euros

O Concello de Tui vai dirixirse ao goberno do Estado para solicitar o reintegro do preto de millón e medio de euros anticipados pola entidade local para facer fronte ao desentullo no barrio da Torre, en Paramos, tras a explosión de material pirotécnico rexistrada o 23 de maio de 2018. Así se acordou onte no pleno ordinario da corporación tudense.

Os seis grupos políticos da corporación, PSOE, PP, Ciudadanos, BNG, C21 e En Marea, apoiaron a moción presentada polo concelleiro de Converxencia 21, José Manuel Palacín, quen por vía de moción de urxencia, propuxo “solicitar por carta oficial ao Estado o montante dos traballos do desamiantado e do desentullo da Zona Cero de Paramos”.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro amosouse “moi indignado por como se está xestionando este tema e que nestes momentos por parte do Estado non se teña non só devolto esta reclamación de 1,4 millóns de euros, senón que nestes momento nin sequera está notificado o trámite administrativo sobre esa resolución”.  Precisaba Enrique Cabaleiro que “politicamente non vou asumir sobre a miña responsabilidade a xestión dun asunto que en principio atenta sobre os intereses da cidade á que eu represento, e dende ese punto de vista  pois tomarei a decisión que teña que tomar no seu momento, pero obviamente, non vou renunciar baixo ningún concepto a que o Concello de Tui reciba esa cantidade que reclama, que foi unha cantidade que adiantou, e adiantou a iniciativa do conxunto dos grupos da corporación para paliar naquel momento un desastre que necesitaba unha reposta urxente, e polo tanto agora ese diñeiro se debe restituír”.  Amosábase “moi crítico coa xestión que se está facendo especialmente por parte do goberno central con este asunto”.

Para o rexedor tudense hai que volver á liña de traballo dun convenio entre o Concello de Tui e o goberno do Estado, que ven reflectido na declaración de zona catastrófica, e “ao amparo dese convenio  que o Estado cumpra co seu compromiso restituírlle ao concello de Tui os gastos derivados do desamiantado no barrio da Torre en Paramos".

Pola súa parte o voceiro do Partido Popular, José Ángel Fernández, valora moi positivamente este acordo unánime da corporación. Indicabba que “ao marxe dos problemas xurídicos que se están xerando con esta situación da reclamación dos cartos do desentullo” entende que esta “é unha xusta reivindicación e alabamos a unidade de acción de todos os membros corporativos, porque a devolución dos cartos é unha necesidade, foron adiantados polo Concello, e o Estado non pode mirar para outro lado”. Para José Ángel Fernández “todas as administracións públicas teñen que aportar para a recuperación deste lamentable episodio na nosa cidade, tanto a Xunta coma a Deputación fixeron a súa aportación, e o Estado non pode quedar ao marxe desta circunstancia”.

Manuel González, voceiro de Ciudadanos, explica que tras adiantar o Concello os cartos no seu día “é lóxico e normal que agora se lle reclamen ao Estado, porque xa teñen transcorridos tres anos, é o Concello debe recuperar ese diñeiro”.  

A voceira do BNG, Carmen Núñez,  entende que “xa non quedan escusas” porque di “pasou tempo máis que suficiente, e se goberno central se comprometeu a pagar o desentullo ten que facelo”. Engadía que “se existen fallos na tramitación do expediente  que se aclaren, se corrixan, e se resolvan”. Entende a concelleira nacionalista “que son cartos do concello de Tui, que hai necesidades que hai que resolver, e son tempo economicamente difíciles para todos” por iso indica que “hai que cumprir os compromisos que se acadaron”.

 José Manuel Palacín, de C21 que presentou a moción aprobada unanimemente, indicaba que “é de xustiza recuperar estes cartos”. Sobre a presentación da moción indicaba que tiñan a obriga moral de “dar un paso adiante, porque fomos nós quen xestionamos toda a documentación relacionada con este concerto do Estado”. Considera que “até o de agora o papel do goberno central  neste asunto é moi desafortunado” indicando que no seu parecer “se está a comportar coma unha compañía de seguros barata que fai trampeos nas súas pólizas para evitar pagar o sinistro”. Apuntaba que xa cando Carlos Vázquez Padín era alcalde se remitiu toda a documentación polo que indica que “isto tiña que estar solucionado”. Amosaba o seu respaldo ao alcalde neste asunto para recuperar unha cantidade que representa o 20% do orzamento anual do concello.

Por último Laureano Alonso, de En Marea, apuntaba que a tramitación deste asunto está a ser máis lenta do agardado, sinalando que “o Concello de Tui asumiu as súas responsabilidades e esperemos que o goberno central cumpra coa súa palabra”. O concelleiro manifestaba que o Concello de Tui, que é a administración máis pequena, “é a que puxo máis cartos enriba da mesa para resolver este problema” cando no seu parecer “restituír os danos tiña que ser competencia doutras administracións”. Agarda que “o goberno central sexa sensible e actúe o antes posible e devolva ese diñeiro aos tudenses”.