Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

822 peregrinos iniciaron en xuño o Camiño de Santiago en Tui

6/07/2011

822 peregrinos iniciaron en xuño o Camiño de Santiago en Tui

Nese mesmo mes o Albergue acolleu a 610

 

Mércores, 6 de xullo de 2011. No pasado mes de xuño continuou apreciándose un notable incremento de peregrinos que percorren o Camiño Portugués a Compostela escollendo a cidade de Tui como lugar de inicio da súa peregrinación. Segundo os datos da Oficina de Acollida aos Peregrinos da Arquidiocese de Santiago un total de 822 peregrinos iniciaron na nosa cidade o seu itinerario, e 3472 peregrinos realizaron o Camiño Portugués que ten en Tui a súa porta de entrada en Galicia.

 

Nese mesmo mes o Albergue de Peregrinos da S A de Xestión do Plan Xacobeo acolleu nas súas dependencia un total de 610 peregrinos o que representa un notable incremento verbo dos 493 acollidos no mesmo mes do pasado ano 2010, Ano Santo Compostelán.

 

Da análise dos datos reflectidos podemos comprobar como se consolida a presenza de peregrinos procedentes doutros países europeos, salientando no pasado mes un número notable de irlandeses xunto aos alemáns, franceses, etc. así como surafricanos e outros procedentes de Corea e Xapón. Un auténtico crisol de nacionalidades que percorren este roteiro de peregrinación. Outro dato relevante deriva do feito de que cada vez son máis os peregrinos que veñen de Portugal pola costa e dende Caminha continúan a Cerveira e Valença tomando o camiño portugués dende Tui, recuperando o itinerario histórico realizado por peregrinos como Cosme de Médicis no século XVII.

 

Para a nova concelleira responsable de Turismo e do Camiño de Santiago, Raquel Lorenzo Pimentel, estes datos amosan a vitalidade que segue suscitando este itinerario de peregrinación consolidado xa como a alternativa ao Camiño Francés. A concelleira apunta como dende hai poucos días existe unha brigada de persoal para o mantemento deste camiño de Santiago ao abeiro dos programas de cooperación que financia a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e que están traballando en labores de limpeza neste itinerario, un importante recurso turístico da nosa cidade. Tamén informa que o Centro de Interpretación “Tui, porta do camiño portugués” está aberto ao público diariamente en horario de mañá e tarde para ofrecer aos peregrinos e aos turistas en xeral a información máis relevante sobre o Camiño Portugués e as súas pegadas na historia e no patrimonio de Tui.