Tui renova a declaración coma zona de gran afluencia turística
Os establecementos comerciais poderán abrir durante todo o ano, incluídos domingos e festivos, de 10 a 22 h
O Concello de Tui vén de acadar a renovación da declaración de municipio de gran afluencia turística. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración pola que se aproba a renovación da declaración de Tui como zona de grande afluencia turística. Esta declaración, que a cidade acadou por primeira vez en 2012, permite que os establecementos comerciais de todo o termo municipal poidan abrir de luns a domingo, incluídos os festivos, en horario de 10 a 22 horas.
Nestes catorce anos o sector turístico tense reforzado de forma notable, tanto polo crecemento rexistrado en número de visitantes, coma de peregrinos así coma polo incremento notable nos servizos ofertados tanto de aloxamento, coma de restauración e actividade de lecer.
En xaneiro deste ano, a corporación municipal aprobou en pleno por unanimidade solicitar esta renovación. A petición fundamentouse na posición fronteiriza de Tui, cunha área de influencia de máis de 146.000 habitantes; o seu carácter de centro reitor en materia administrativa, comercial e de servizos; o liderato no ámbito comercial da contorna; e a relevancia do seu núcleo histórico, integrado na Red de Juderías de España; os seus recursos patrimoniais e naturais, coma o Parque Natural Monte Aloia, que cada ano atraen a miles de persoas.
A solicitude subliñou tamén o peso do Camiño Portugués, que o ano pasado rexistrou máis de 100.000 peregrinos e converte a Tui nun dos principais puntos de partida entre todas as rutas xacobeas. Estes factores, no seu conxunto, acreditan a "a importante dinámica social, económica e cultural" do municipio.
Esta declaración de zona de grande afluencia turística terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos.





