Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Camiño Portugués supera os 100 mil peregrinos neste ano 2025

16/12/2025

Tui é o primeiro lugar elixido para iniciar esta vía xacobea que ten na cidade a súa porta de entrada en Galicia

O Camiño Portugués acada a cifra de 100 mil peregrinos e peregrinas neste 2025. Así se recolle nos datos estatísticos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago segundo as persoas que obtiveron a “Compostela”, neste 2025, superando as cifras de anos anteriores.

Concretamente a 14 de decembro foron un total de 100.452 peregrinos os que percorreron esta ruta histórica de peregrinación, deles 37.759 españois (38%) e 61.3024 (62%) de procedencia estranxeira. Os datos deste ano 2025 supoñen un incremento do 6% en relación ao pasado ano 2024.

Tui é o primeiro lugar elixido polos peregrinos do Camiño Portugués para comezar a súa peregrinación a Compostela, en concreto no que vai de ano foron un total 41.553 peregrinos, que supoñen o 41,83% dos peregrinos que realizan esta ruta xacobea. En segundo lugar figura Porto con 26.371 peregrinos (26,55%) e de seguido Valença con 18.046 peregrinos (18,17%). A posición estratéxica de Tui, as súas boas comunicacións, o seu amplo patrimonio tanto cultural como natural e a hospitalidade son características da nosa cidade que xustifican esta maioritaria escolla de Tui como lugar de inicio do Camiño Portugués. Con estas cifras Tui é a segunda localidade de todos os camiños cun maior número de peregrinos que a elixen para iniciar a súa peregrinación, unicamente superada pola vila lucense de Sarria, no Camiño Francés, de onde partiron este ano 161.609 peregrinos (32,47% de todos os peregrinos), e seguida por Saint Jean Pied-de-Port con 30.243 peregrinos (6,08%).

Entre os peregrinos estranxeiros destacan os portugueses con 11.771 peregrinos (11,88%), Estados Unidos con 7.340 (7,41%) ou Alemaña con 5.440 (5,49%). No que atinxe aos españois destacan Andalucía con 10.838 (28,78%), Madrid 6.461 (17,16%) ou a Comunidade Valenciana con 5.080 peregrinos (13,49%).

Para a concelleira de Turismo do Concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, que por primeira vez o Camiño Portugués supere a cifra de 100.000 peregrinos testemuña a potencia desta ruta de peregrinación que xunto ao seu carácter histórico - con peregrinos documentados ao longo dos séculos - conserva unha identidade xacobea que sorprende aos peregrinos, con elementos referenciais como a catedral de Tui que cumpre agora os 800 anos da súa consagración, e que ten dedicada ao apóstolo Santiago unha das capelas da súa cabeceira dende os inicios deste templo.