Música, teatro e baile na programación das Festas de San Telmo hoxe luns e mañá martes
Música, danza e teatro son as tres propostas que hoxe e mañá se poderán desfrutar dentro da programación das festas de San Telmo. O programa comezará hoxe luns ás 16.30 h na Residencia San Telmo coa actuación da Coral Ponte das Febres.
Ás 18 h no Teatro Municipal haberá unha cita para público familiar con Uxía Lambona e a Banda Molona. Ofrecerán o concerto “Eih!! Carballeira”, con Pali ao baixo, Ñoc á batería, Diego á gaita e frauta, Serghaño á guitarra, Roscón ao acordeón e Uxía á voz. Un espectáculo musical de humor e moita imaxinación.
Xa ás 19.30 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela actuará a CAI (Compañía Artística Interdisciplinar), que presentará a obra teatral “Ferro e fío”. Unha proposta que mestura humor e pensamento crítico dende a historia das irmás Touza, tres mulleres de Ribadavia que axudaron a salvar a máis de 500 xudeus que fuxían do Holocausto.
Mañá martes o programa comeza ás 16.30 h na Residencia Paz e Ben coa actuación da Coral San Telmo.
Ás 18 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela haberá unha demostración de alumnos e alumnas da Escola de Danza Paula Cobián. Realizarán unha mostra do traballo que desenvolven a diario na Escola, presentando diferentes coreografías.
Xa ás 21 h no Teatro Municipal comeza a XV Semana de Teatro Amador. O grupo de teatro San Fins de Rebordáns será o encargado de abrir esta programación coa estrea de “Ultramarinos Norte”, da autoría de Laura Villaverde que dirixe tamén o grupo. Sobre o escenario estará un elenco formado por Amparo, Concepción, Carmela, Concepción, Concha, Tatiana, Florindo, José, Paquiño, Álvaro, Helen e Katia. A obra conta a división que xera na veciñanza dunha vila mariñeira a chegada dunha fábrica. Entre retranca, música e vida de bar, descubrirán que hai cousas que non se venden.
As entradas, ao prezo de 2€, están á venda en tui.gal e poderán mercarse mañá martes dende ás 20 h no despacho de billetes do Teatro Municipal.





