O programa conmemorativo do 800 aniversario da consagración da Catedral converten a Tui en capital cultural ao longo dun ano
Esta mañá presentouse a programación oficial coa que se inicia a conmemoración do VIII Centenario da Consagración da Catedral de Santa María que contará cun amplo programa de actividades relixiosas, culturais e divulgativas que comezarán este domingo, 30 de novembro, froito da colaboración conxunta entre o Concello de Tui e o Cabido da Catedral.
A capela das reliquias da Catedral acolleu esta mañá a presentación coa intervención do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o bispo da diocese de Tui-Vigo, Antonio Valín, o deán da Catedral, José Diéguez Dieppa, a concelleiras de Cultura, Sonsoles Vicente, a subdelegada de Patrimonio, Elvira Larriba, e o músico Samuel Diz.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención que “a catedral é a alma e o corazón da cidade, e unha das grandes iconas espiritual e patrimonial de Tui, de Galicia e deste territorio transfronteirizo”. Aproveitou o rexedor tudense para demandar do conxunto das administración públicas “un compromiso en aras de que os eventos que vaiamos a realizar gocen do maior respaldo posible” solicitando a colaboración financeira para “poder asumir e desenvolver os actos que imos realizar” e agardando que “haxa corresponsabilidade porque este un dos grandes símbolos patrimoniais e relixiosos deste territorio”. Salientou Enrique Cabaleiro coma esta efeméride é unha gran ventá para trasladar todo o potencial que ten Tui, tanto a nivel patrimonial coma creativo e humano” e amosou o seu convencemento en que “esta celebración vai converter a Tui nunha das grandes capitais culturais”. Reafirmou tamén o compromiso da institución municipal co conxunto catedralicio para que “siga sendo un dos nosos sinais de identidade, do que nos sentimos orgullosos”.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explicou o traballo conxunto que se leva realizando nos últimos meses para que “este domingo e todo o próximo ano sexamos o foco da cultura”. Coas actividades previstas preténdese segundo Sonsoles Vicente que “sexamos o epicentro da cultural en Galicia” porque “a nosa catedral é o faro da cultura do municipio, da provincia, e de toda Galicia”. Detallou a programación que se vai desenvolver este domingo e durante o mes de decembro.
O músico Samuel Diz foi o encargado de explicar os dous concertos previstos para este domingo, que indicaba nacen “do sentimento de amor e respecto á Catedral”. El xunto a violinista tudense Sara Areal encabezará a un grupo de intérpretes que tras a misa das 12 h interpretará “Os fogos de San Telmo” de Hermelindo Ruíz-Mestre, e pola tarde, ás 17.30 h, o concerto “Centenario” no que se realizará a estrea absoluta da obra “Catedral Atlántica” de Fernando Buide.
Pola súa banda o bispo da diocese, monseñor Antonio Valín, destacou que durante 800 a Catedral foi “referente para os veciños e veciñas” e “porta de entrada para tantos peregrinos e peregrinos”. Afirmou que “queremos que isto siga sendo así”.
O deán da Catedral, José Diéguez Dieppa, explicou o inicio dos actos este domingo ás 12h coa apertura do Ano Xubilar, e coa excepcional apertura do altar das reliquias tanto o 30 de novembro coma o 1 de decembro.
A subdelegada de Patrimonio, Elvira Larriba, anunciou a apertura do museo Tude nos últimos meses de 2026, e a realización do proxecto cultural “Tui-Valença. De Braga a Compostela”, que contará cunha exposición itinerante. Tamén avanzou a vidrieira conmemorativa deste 800 aniversario que se colocará no rosetón sur sobre o retablo da Expectación, así coma o traballo de restauración do retablo e da vidrieira da capela de Santiago que está levando a cabo. Outras actividades ao longo do próximo ano será a celebración en Tui das Xornadas Nacionais de Patrimonio da Conferencia Episcopal Española, visitas guiadas á Catedral, e un taller de fotografía a cargo de Iago Eireos baixo o título de “Tres olladas á Catedral de Tui: Arquitectura, Emoción e Narración”
O acto inaugural terá lugar este domingo 30 de novembro coa Solemne apertura do Ano Xubilar na Catedral de Tui. Ás 12:00 h celebrarase a misa de apertura, seguida ás 13:15 h da interpretación da obra Os fogos de San Telmo do compositor Hermelindo Ruiz Mestre, nun diálogo musical entre Tui e Porto Rico interpretado por unha formación liderada pola violinista Sara Areal e o guitarrista Samuel Diz baixo a dirección de Roselyn Pabón.
Ese mesmo día, ás 17:30 h, a Catedral acollerá o Concerto “Centenario” de apertura. O recital, encabezado polos músicos tudenses Sara Areal e Samuel Diz, está concibido como un encontro internacional que reúne intérpretes e compositores de Europa e América, poñendo en valor o talento local e a identidade transfronteiriza da cidade.
A música volverá ser protagonista o domingo 21 co concerto do Ensemble Vocal Pro Música de Porto, e o domingo 28 co concerto de Nadal a cargo de María do Ceo.
O xoves 11 presentarase o libro editado polo Concello de Tui “Tui 1225” de Pablo Álvarez Yáñez, con recreacións de cómo sería Tui e a Catedral no ano en que se consagrou a Catedral. Sobre o mesmo tema volverá Marta Cendón, catedrática da USC e presidenta do Instituto de Estudos Tudenses, na conferencia que ofrecerá o martes 30 co título “A catedral de Tui a 30 de novembro de 1225. Que estaba feito e que faltaba por facer”.
A I Xornada de Imaxe + Letra, prevista para o martes 2 baixo a organización do cineclub Tui, permitirá realizar unha visita á Catedral mediante realidade inmersiva co título “O Galiverso empeza aquí”. Esa mesma xornada proxectarán a película “El nombre de la rosa” e logo haberá unha charla coloquio con Miguel A. Cajigal @elbarroquista.
Amais o luns 1 de decembro celebrarase unha conferencia a cargo do experto en liturxia Ramón Navarro, seguida da Eucaristía solemne polo 800 aniversario e o Xubileo do clero da diocese.
Forman parte tamén da programación ao longo do mes de decembro a inauguración do Belén e da exposición de Beléns do Mundo, e a entrega de premios do concurso de debuxo escolar da tarxeta de Nadal que este ano se centra precisamente neste 800 aniversario.
800 anos da consagración da Catedral | Programación Novembro-decembro





