Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui traballa na posta en marcha un Plan de Reactivación Económica Local

2/05/2020

Está sendo consensuado por toda a corporación municipal e escoitando as propostas do tecido empresarial

O Concello de Tui traballa na posta en marcha dun Plan de Reactivación Económica Local co que facer fronte as consecuencias económicas derivadas da crise provocada polo COVID-19. Consensuado por toda a corporación municipal esta actuación terá coma principal destinatarios ás empresas e as persoas autónomas do municipio.

Co inicio da desescalada o tecido empresarial e comercial terá que facer fronte a novos retos derivados da nova situación que estamos a vivir.

A primeira medida deste Plan de Reactivación está xa en marcha dende esta semana. Trátase da Oficina COVID-19 que de xeito telemático funciona xa a través da web municipal, tui.gal. Na mesma expertos de distintos ámbitos contestan as consultas e dúbidas que as empresas e autónomos plantexen en  relación coa crise do COVID-19 e as axudas de carácter fiscal, laboral e económico dispoñibles. Trátase dun servizo de atención personalizada a través de medios telemáticos, no que está tamén dispoñible toda a información de carácter normativo relacionado co COVID-19 de interese para empresas e autónomos.

Por outra parte dende o Concello de Tui traballase na elaboración dun Plan de Choque de apoio empresarial a nivel municipal.  Toda a corporación municipal está participando na súa elaboración e incorporará unha serie de medidas concretas para axudar a contrarrestar os efectos negativos da crise do COVID-19 no tecido empresarial local.

De forma paralela púxose en marcha a Mesa de Reactivación Local de Tui formada por representantes municipais e das empresas, asociacións empresariais e de autónomos. Trátase dun foro de participación no que coñecer directamente as necesidades concretas e propostas do sector para a activación económica do municipio.

Na primeira reunión telemática – celebrada o venres 24 de abril – participaron 13 representantes de asociacións comerciais, empresariais e autónomos, xunto ao alcalde, a concelleira de Comercio, e o concelleiro de Turismo.  Amais de escoitar de primeira man as necesidades do tecido económico local; os participantes presentaron las primeiras propostas con medidas administrativas, económicas, tributarias, de prevención de riscos laborais,… Estas propostas están sendo analizadas para poder implementalas no Plan de Reactivación Económica de Tui.