Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui avanza cara a rehabilitación do Teatro Principal

11/10/2019

O Concello encargou a César Portela un anteproxecto no que figuren amais as primeiras medidas a tomar para evitar a degradación do edificio

O Concello de Tui vai adxudicar ao arquitecto César Portela o anteproxecto para a rehabilitación do Teatro Municipal, unha vez é xa propiedade municipal.

Onte á tarde, o alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, reuníanse con César Portela e visitaban o inmoble, para avanzar na rehabilitación deste emblemático edificio.

O anteproxecto, a solicitude do concello, recollerá xa as primeiras medidas fundamentais a adoptar para garantir que o Teatro Principal non se siga degradando, coma pode ser o retirado do entullo que  arestora hai no interior, recuperando aquelas pezas de interese coma restos das butacas existentes, entre outros. Amais buscarase consolidar a estrutura para evitar derrubes e garantir a seguridade. O Concello acometería estas actuacións con medios ou fondos propios, e logo tería que buscar a colaboración doutras administracións.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, salientaba que a recuperación do teatro simbolizará tamén a recuperación de todo o seu entorno urbano.  Así destacaba coma obxectivo de avanzar na rehabilitación do teatro que podería supor un investimento de 3 millóns de euros.

César Portela, que redactara xa nos anos 80 un proxecto de rehabilitación do Teatro Principal que agora debe ser adaptado á normativa actual, explicaba que o seu plantexamento pasa por un uso cultural do edificio cunha actuación que se estenderá tamén a praza de Fromista onte está situado o inmoble, “dándolle unha nova vida”. Na parte traseira do edificio contemplará unha cafetería cun mirador sobre o Miño.