Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Teatro Buratini presenta “Tic tac, sons dunha nave” o venres ás 20,30 h. no Teatro Municipal

15/11/2006

A representación terá lugar este venres, ás 20.30h, no Teatro Municipal
Teatro Buratini presenta “Tic tac, sons dunha nave”
Trátase dunha obra de teatro e monicreques con Einstein coma protagonista

Teatro e ciencia, monicreques e música mestúranse na obra “Tic tac, sons dunha nave” que este venres, 17 de novembro ás 20.30h, presenta a compañía compostelá Teatro Buratini no Teatro Municipal de Tui. Este espectáculo forma parte da programación do último trimestre do ano organizada pola Concellería de Cultura.

Buratini achéganos nesta obra á figura de Albert Einstein, coincidindo coa celebración do Ano Internacional da Física, levando á escena unha metáfora plástica da Teoría da Relatividade, dirixida a nenos de 7 a 14 anos. Dúas actrices representan ás personaxes principais amais de manipular monicreques de variña, de luva e outros obxectos. Salienta tamén o recurso da música e a expresión corporal cos que se recrean os diferentes ambientes polos que transcorre a historia.

En “Tic tac, sons dunha nave” o avó Einstein convida aos espectadores a pensar sobre a relatividade do tempo, mentres viaxamos ao futuro da súa neta, Esperanza. Pásase do estrés á calma voando coa imaxinación, entrando nos recordos, e observando o divertido que pode ser escoitar os sons da nave que é o noso corpo.

A escenografía empregada en “Tic tac, sons dunha nave” está inspirada en pezas do artista brasileiro Ernesto Neto, e a banda sonora orixinal está composta por Merran Laginestra recollendo estilos que nacen da mestizaxe do jazz, blues, improvisación e as tendencias electroacústicas.

Este espectáculo está realizado coa colaboración e apoio do Departamento de Promoción e Divulgación Científica da Delegación en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas. A obra está subvencionada polo Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais.

Teatro Buratini con “Tic tacs sons dunha nave”
Lugar: Teatro Municipal
Data: Venres 17 de novembro ás 20.30h
Prezo das Localidades: 2€, 1€ con desconto e 1€ os menores de 14 anos
Venda de localidades o venres dende ás 16.30h
Organiza: Concellería de Cultura do Concello de Tui