Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As rúas Palláns, San Bartolomeu e Arraial pasarán a ser de sentido único dende o 1 de febreiro

17/01/2020

Con esta medida búscase mellorar a seguridade vial e axilizar o tráfico na zona de San Bartolomeu

A partir do 1 de febreiro o Concello de Tui procederá a realizar un cambio no sentido de circulación das rúas na zona de San Bartolomeu. Deste xeito as rúas Palláns, San Bartolomeu e Arraial pasarán a ter sentido único. O obxectivo é axilizar o tráfico e mellorar a seguridade vial na zona.

Este días procederase ao pintado e colocación da sinalización correspondente. Amais o alcalde, Enrique Cabaleiro, informa que están a redactar un proxecto para proceder á humanización destes viais, contemplando a ampliación das beirarrúas, unha actuación que co dobre sentido de circulación non se podía acometer. Lembra o rexedor que se trata dun ámbito estratéxico xa que parte destas rúas forman parte do percorrido do Camiño Portugués de Santiago ao seu paso por Tui.  Un bando municipal informa xa aos veciños deste cambio de tráfico na zona de San Bartolomeu.

As paradas do autobús estarán dende o 3 de febreiro na rúa Ourense

O goberno municipal traballa tamén por outra parte na implantación doutros cambios que afectarán ás rúas Casal Aboy e Augusto González Besada. Así dende o próximo 3 de febreiro realizarase o cambio das paradas do autobús situadas no Paseo da Corredoira, que pasarán a situarse na rúa Ourense, de tal xeito que dende a Avenida da Concordia os autobuses xirarán cara a rúa Maristas e Ourense, onde se situarán as paradas.