Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Os 11 alumnos e alumnas do Souto do CRA Mestra Clara Torres despediron o curso na súa aula tras repararse os danos causados pola explosión de Paramos

21/06/2018

Os once alumnos e alumnas da aula do Souto do CRA Mestra Clara Torres despediron hoxe o curso escolar 2017/18 no seu centro logo de que foran reparados os danos ocasionados pola explosión do pasado 23 de maio no barrio da Torre.   Até o colexio achegáronse esta mañá o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, a concelleira de Educación, Mila González, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares. Estivo tamén presente a directora do CRA Mestra Clara Torres, Teresa Domínguez, a titora e pais e nais do alumando.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, agradeceu á consellería de Educación a “axilidade e prontitude de resposta para arranxar as aulas”, tanto a do Souto coma a de Paramos, ao que tempo que se congratulou de que os nenos poidan volver a despedir o curso a súa escola que tras as actuacións realizadas presenta un mellor estado. Salientaba o rexedor que “este é un paso significativo que se da con rapidez e que nos ten que levar a retomar a normalidade”. No mesmo sentido pronunciou a concelleira de Educación, Mila González, agradecendo a preocupación dende o primeiro día por parte do xefe territorial.

Mentres o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, explicou que investiron 20 mil euros no cambio das ventás, pulido do piso e mellora de toda a instalacións, tanto na aula do Souto, coma de Paramos, aínda que esta última arestora non ten alumnado.

Os alumnos e alumnas do Souto nas últimas semanas asistiron a aula de Baldráns, e esta mañá celebraban xunto ás súas familias poder regresar a súa clase no Souto, ao tempo que despediron o curso.