Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello edita o roteiro "Xosé María Álvarez Blázquez en Tui"

7/05/2008

O Concello edita o roteiro de Xosé María Álvarez Blázquez en Tui

Mércores, 7 de maio de 2008.

Ao abeiro das actividades programadas polo Concello de Tui para a celebración do “Ano Xosé María Álvarez Blázquez” vén de saír do prelo un folleto que contén o roteiro cos lugares de Tui vinculados á personalidade e a traxectoria de Xosé María Álvarez Blázquez.

O folleto recolle os seguintes lugares:

-

A casa natal no Paseo da Corredoira

-

A casa do Rollo, a residencia familiar durante moitos anos e que é sentida como tal polo membros da familia e que así a teñen evocado en diversos textos literarios.

-

A Escola Graduada de Nenos, onde Xosé María Álvarez Blázquez realizou os seus estudos primarios, e o lugar no que ao longo do curso 1934-35 realizou as súas prácticas como mestre. Nos últimos meses do seguinte curso será mestre provisorio na Escola de Nenos de As Olivas.

-

Os xacementos castrexos de Pazos de Reis e Randufe. Nomeadamente o castro de Cabeza de Francos, que el escavou co grupo Ultreya, baixo a dirección de Manuel Fernández-Valdés Costas.

-

O antigo convento de San Domingos, onde estaba ubicado o Instituto de Segunda Enseñanza, e onde os Ultreyas con Xosé María Álvarez Blázquez á cabeza montaron o Museo de Tui.

-

A inmediata Alameda, onde o 30 de outubro de 1936 foi fusilado seu pai, unha traxedia que obrigará á familia a trasladar a residencia a Vigo no ano 1941.

-

A propia cidade de Tui, protagonista de poemas e de novelas como “Las estatuas no hablan”, onde é nomeada como Valmiñán, e o río Miño, unha constante en tantas obras como, por exemplo, “Crecen las aguas”.

Coa edición deste roteiro o Concello de Tui quere, en palabras do Concelleiro de Cultura Moisés Rodríguez Pérez, promover o coñecemento dos vínculos estreitos que uniron á figura do escritor e polígrafo homenaxeado neste Día das Letras Galegas coa cidade de Tui realizando un percorrido por diversos lugares de interese do noso concello. Deste xeito vinculamos o patrimonio histórico coa egrexia personalidade de Xosé María Álvarez Blázquez, contribuíndo á posta en valor da súa obra e traxectoria xunto coa promoción do noso conxunto monumental.

A edición deste roteiro é unha máis das numerosas actividades que promove o Concello de Tui neste “Ano Xosé María Álvarez Blázquez”. O sábado 17 de maio, ás 17,00 horas realizarse un percorrido polos lugares deste roteiro, unha actividade inxerida na programación da Feira do Libro que nese día se celebrará na cidade.