Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui xestiona ante entidades públicas e privadas facilitar os trámites aos afectados para dar de alta ou baixa servizos

30/05/2018

O Concello de Tui está a realizar xestións ante distintas entidades, públicas e privadas, para buscar o xeito máis sinxelo de facilitar aos afectados pola explosión rexistrada hai unha semana en Paramos a realización de distintos trámites.

Así dende o Concello se está contactando coa compañía eléctrica, empresas de telefonía, o Consorcio do Louro, Correos, ORAL, Seguridade Social, Garda Civil, Policía Nacional… para poder facilitar aos afectados trámites coma dar de baixa un servizo coma auga, saneamento, electricidade, tramitar nova documentación coma o carné de conducir, ou mudar o enderezo no que se recibe a correspondencia.

A Plataforma de Afectados será a titular da conta solidaria aberta en ABANCA

Por outra parte o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, estivo reunido esta mañá con responsables de ABANCA con quen acordou que a conta solidaria aberta pola entidade a instancias do Concello terá coma titular a Plataforma de Afectados, unha vez este colectivo estea constituído formalmente.

As obras de reparación nas aulas do CRA no Souto e Paramos comezarán de xeito inmediato

Mentres a concelleira de Educación, Mila González, visitou a primeira hora da mañá xunto co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, as escolas do Souto e de Paramos do CRA Mestra Clara Torres que se viron afectadas pola explosión.  Dende o departamento da Xunta acometerán de xeito inmediato a reparación das aulas para que os alumnos poidan volver ao seu centro o antes posible, e recuperar pouco a pouco a normalidade. Na visita estiveron acompañados pola directora e profesorado do CRA Mestra Clara Torres, e o inspector de Educación.  Posteriormente achegáronse até a aula de Baldráns, a onde os alumnos da aula do Souto foron trasladados dende a pasada semana, interesándose polo seu estado, xa tanto a concelleira de Educación coma o xefe provincial, amosaron a súa preocupación polos cativos dende o primeiro momento.