Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui investirá case 900 mil euros na humanización das rúas Coengo Valiño e Antero Rubín

9/11/2021

A obra, que nun 80% será financiado polo programa REACPON da Deputación, poderá comezar a inicios do ano 2022

O Concello de Tui vai acometer a humanización das rúas Antero Rubín e Coengo Valiño cun investimento de 897.252,63 € dos que a Deputación achegará 717.802,10 € a través do programa REACPON.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, cualifica esta obra de “necesaria e importante para o noso patrimonio” xa que esta actuación ten por obxectivo mellorar a situación na que se atopan estas rúas en pleno Camiño de Santiago e nunha das entradas ao conxunto histórico. O rexedor tudense cualifica o proxecto a executar de ambicioso. Tras saír a licitación está pendente de ser adxudicado e de habilitar o crédito preciso para facer fronte á aportación municipal para a súa execución. 

Lembra Enrique Cabaleiro que esta subvención “está suxeita aos principios do plan Ágora que aprobou o Concello de Tui, que nos esixe gañar un 50% do espazo humanizado para uso peonil”. Engadía o rexedor tudense que “a execución deste proxecto vai contribuír moito á recuperación da zona e redundará en beneficio dos veciños e veciñas que viven nese ámbito urbano”. As obras poderían comezar a principios do próximo ano.