Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O concello de Tui amosa o seu malestar pola tardanza na declaración de Paramos coma Zona Gravemente Afectada por unha emerxencia de Protección Civil

6/09/2018

Non se entende como tres meses despois aínda non se pronunciou o goberno central, e noutros casos, coma Llutxent afectado polos incendios de agosto, hai compromiso  público de levalo mañá venres ao Consello de Ministros

O concello de Tui, a través do seu alcalde , Carlos Vázquez Padín, amosa o seu malestar pola tardanza do goberno central en tomar a decisión de declarar o barrio da Torre en Paramos coma Zona Gravemente Afectada por unha emerxencia de Protección Civil, tras a explosión de material pirotécnico nun almacén ilegal o pasado 23 de maio.

No concello amósanse sorprendidos pola rapidez coa que o Consello de Ministros tomará esa decisión con respecto aos municipios afectados polo incendio sucedido en Llutxent, Valencia, o pasado mes de agosto.  Comprendendo a necesidade destes municipios tras os feitos rexistrados o mes pasado, non entende coma máis de tres meses despois da catástrofe en Tui, na que faleceron dúas persoas, 37 resultaron feridas, 31 casas quedaron completamente destruídas e máis de 300 danadas, con preto de 800 afectados, se segue sen tomar esta decisión.

Segundo informacións aparecidas nun medio de comunicación o ministro de Fomento, José Luís Ábalos, asegura que a decisión de Valencia se vai tomar este mesmo venres, sen facer ningún tipo de referencia ao caso de Tui. O que representaría unha aldraxe e un agravio  comparativo que os cidadáns de Tui non merecen.