Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello busca converter a praza de abastos nun Mercado de Excelencia

23/01/2020

Tomando coma punto de partido o estudo realizado comezará a dar os pasos precisos

Converter a praza de abastos de Tui nun Mercado de Excelencia é un dos obxectivos do goberno municipal do Concello de Tui. Coma paso previo, co financiamento da Xunta de Galicia, encargou un estudo da situación actual da praza e das propostas de mellora para lograr ese recoñecemento.

O estudo, realizado pola empresa Rural Consulting foi presentado hai uns días a todos os praceiros e praceiras en presenza do alcalde, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Mercado, Ana Mª Núñez.
Ao longo dos últimos meses foi avaliada a oferta, os servizos e as instalacións actuais, co obxectivo de coñecer tanto a área de influencia do Mercado, coma o parecer dos praceiros e das praceiras, dos clientes e non clientes, así coma dos hostaleiros e comerciantes. 

A praza de abastos de Tui conta cunha superficie 939,65 m2 e 51 postos de venda, dos que 26 están situados na área perimetral, 25 na bancada central, e un máis sería a superficie destinada a supermercado. A ocupación de postos rexistrada na actualidade é do 43%.  Así se recolle no estudo realizado onde se deixa reflicte que, en xeral, a oferta é de calidade media-alta, destacando o peixe como produto estrela.

Tamén se sinala na diagnose realizada a importancia que ten ofrecer un produto local de calidade para captar a unha clientela potencial formada pola poboación xove interesada  na gastronomía e na saúde. 
O estudo conclúe que “a desocupación deste mercado está motivada polo exceso de superficie comercial dispoñible e polo aproveitamento inadecuado do recinto”, xa que o número de praceiros e praceiras que ocupan actualmente a praza é considerable para a poboacion que ten Tui. 

O informe propón a reorganización dos praceiros e praceiras actuais, mellorar a oferta de produto local de calidade e introducir novas actividades para as superficies libres, como parte da nova estratexia de optimización do mercado. Tamén advirte o estudo do risco que corre a praza si non se moderniza e se introducen cambios e melloras no seu funcionamento, presentación de produtos, organización interna ou captación de novos produtos cara a potenciais clientes. 

Así proponse a creación dunha área Gastro reservada para a instalación de servizos de hostalería, comida para levar e degustacións, e dunha área de formación e obradoiros. Para dinamizar a praza o estudo suxire a realización de actividades de promoción do mercado e dos seus produtos e a organización de mercados temáticos. 

Tomando coma punto de partida este estudo o Concello de Tui comezará a dar os pasos precisos para levar a cabo actuacións de mellora das instalacións,  redactará un novo regulamento de xestión, buscará mellorar a oferta de produto local de calidade, asesorará e formará a todos os praceiros e praceiras. E buscará tamén optar ás axudas establecidas pola a Xunta de Galicia para os mercados municipais. Un plan que lle  permitirá a praza de Abastos lograr o selo de recoñecemento de Mercado Excelente.