Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O “Caldo de Gloria”, a colocación de poemas en espazos públicos e unha campaña nas redes sociais centran a celebración do Día de Rosalía en Tui

20/02/2020

O Concello de Tui vai conmemorar o Día de Rosalía con diversas accións promovidas pola concellería de Cultura.  En 2013 o Concello de Tui acordou a celebración anual desta efeméride.

Por unha parte a Biblioteca Municipal, dependente da Concellería de Cultura, ten preparado diversas lonas con varios dos poemas máis populares de Rosalía de Castro que se colocarán en lugares emblemáticos da cidade para lembrar esta celebración e contribuír á difusión da súa obra poética.

Amais cinco establecementos de Tui ofrecerán dende este sábado 22 até o luns 24  o “Caldo de gloria” coma parte das conmemoracións do Día de Rosalía promovidas polo Concello de Tui a través da Concellería de Cultura. En concreto en Tui ofrecerán este “Caldo de Gloria” os seguintes establecementos Ponte das Febres en Ribadelouro, xunto a Ideas Peregrinas, Cociñarte, restaurante El Molino e o Parador de Turismo San Telmo.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, sinala así que con esta proposta “sumámonos á iniciativa promovida dende a Fundación Rosalía de Castro”. Na mesma, a partir do poema “Miña casiña, meu lar” (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz. “Queremos que Galicia, sinalan dende a Fundación Rosalía de Castro, lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este “caldo de gloria” dos humildes, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular”.

Amais a obra de Rosalía estará presente nas redes sociais municipais, tanto do Concello coma da Radio Municipal, nunha campaña deseñada pola emisora municipal dende hoxe até o próximo luns día 24. Cada xornada publicarase un poema da escritora convidando ao público a completar parte do verso que falta. Deste xeito darase tamén visibilidade á obra rosaliana na internet.

O próximo luns, 24 de febreiro, conmemórase o 183 aniversario do nacemento da escritora máis representativa e reivindicativa de Galicia pola súa defensa do pobo e da lingua. O seu libro Cantares Gallegos sinala o inicio da restauración do uso escrito da nosa lingua e o final dos Séculos Escuros de silencio e esquecemento. A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade.