Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde amosa a súa preocupación pola situación de bloqueo do desentullo da zona cero de Paramos

28/11/2018

Mañá irá a pleno unha proposta para instar ao Ministerio de Política Territorial a executar o desentullo vía encomenda de xestión

Mañá xoves irá a pleno unha proposta do equipo de goberno para tentar desbloquear o desentullo da zona cero de Paramos, agardando o apoio da corporación, para instar ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública para executar o proxecto de desentullo da zona cero da explosión de material pirotécnico ocorrida en Paramos, mediante unha encomenda de xestión á empresa TRAGSA.

Esta tarde reuniuse o Gabinete de Crise de Paramos para tratar de forma monográfica o desentullo. Ao término do encontro o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, afirmou que dous meses e medio despois de que persoalmente entregase na subdelegación do goberno o proxecto de desentullo a situación está “certamente bloqueada”. Na reunión estivo presente o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto a outros cargos da administración autonómica e local,  membros da Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei, pero non acudiron nin representantes da Deputación de Pontevedra nin do goberno central.

O alcalde amosou a súa “fonda preocupación” con esta situación de atasco e parálise que se está producir en relación ao desentullo, con todas as consecuencias que este retraso ten para os veciños afectados.  Carlos Vázquez Padín amosou a disposición do Concello de Tui “para facer o que sexa necesario para axilizar este asunto”. Nese senso lembrou que se o concello ten que levar a cabo o desentullo ao tratarse dun contrato de máis de 3 millóns de euros o prazo de licitación prolongaríase durante meses, e se se suman os tres meses previstos para a execución da retirada do entullo, até dentro dun ano non estaría lista a zona cero para comezar a reconstrución. Afirmaba que “das catro administracións a que o faría de forma máis lenta é o concello de Tui” engadindo que “o feito de que o faga o concello de Tui implicará retrasos adicionais con respecto a que o fai calquera das outras administración que teñen máis medios e a imposibilidade xurídica de que o concello o encargue a un medio propio porque non o ten”.

Aludiu o rexedor á disponibilidade amosada no gabinete de crise polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para se “se trata dun problema burocrático ou de estar no día a día” asumir a coordinación dos traballos de desentullo se o goberno central o adxudica mediante unha encomenda de xestión, e asume o financiamento.