Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá sábado presentación do libro "Rosas en la arena" de Oliva Maria cun festival solidario

9/05/2008

MAÑÁ SÁBADO 10 DE MAIO PRESENTACIÓN DO LIBRO DA POETISA OLIVA MARÍA CUN FESTIVAL SOLIDARIO

Mañá sábado,10 de maio de 2008, ás 20,00 horas no Edificio Área Panorámica de Tui, na Sala Fundación Félix Rodríguez, se realizará a presentación do libro de poemas de Oliva María “Rosas en la arena” recentemente editado. No decurso deste acto desenvolvérase un festival solidario de apoio aos nenos con enfermidades de longa duración que atende a “Fundación Andrea”.

A parte literaria e a presentación do libro estará a cargo do escritor e historiador Xoán Martínez Tamuxe e o escritor e periodista Alberto Jorge Vence Adrio, xunto cun representante da “Fundación Andrea” e a autora do libro, Oliva María. De seguido haberá un pequeno espectáculo musical a cargo do grupo “Guerreros de la luz”.

Oliva María naceu no Rosal e comezou de nova a escribir poemas e ten sido finalista en varios concursos literarios; conta con catro libros publicados: “Espejo de un alma”, “Senda para ti”, “O Carroucho enferruzado” e “Rosas en la arena”, que agora se presenta.

“Rosas en la arena”, en palabras da autora, “é unha obra visceral, porque nace do corazón, é un raio de luz, un espertar á vida, ao cotiá, sensacións, rosas e espiñas, berros e lamentos, o que cada día aviva os sentidos… atopar o porqué das cousas é un reto coa finalidade de aprender.”

Todos os beneficios logrados coa publicación desta obra serán doados á “Fundación Andrea” de apoio aos nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, constituída en Santiago de Compostela no ano 2006.