Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá realizaranse os test por COVID 19 aos membros da Policía Local

9/04/2020

Un equipo do SERGAS desprazarase mañá até Tui para realizar o test do COVID 19 aos membros da Policía Local que nas últimas xornadas estiveron en contacto co auxiliar da Policía Local que deu positivo por coronavirus. Esta persoa está illada no seu domicilio dende o pasado sábado cando acudiu ao médico tras presentar o venres os primeiros síntomas. No día de onte recibiu o resultado positivo no test.

Seguindo as recomendacións do médico de Prevención de Riscos Laborais do Concello dende onte á tarde os membros da Policía Local que coincidiron en quendas de traballo con este auxiliar están nas súas casas, a espera da realización do test na xornada de mañá. Ningún dos axentes e auxiliares presentas síntomas.

Durante a xornada de hoxe e até contar co resultado dos test o servizo da Policía Local está a ser cuberto por dous efectivos.  Hoxe novamente procedeuse a desinfección das instalacións, ao igual que se fixera xa no día de onte.

Dende o Concello de Tui desexan unha pronta recuperación ao membro da Policía Local afectado polo COVID 19, e de reitera o agradecemento polo labor que están a realizar dende este corpo.  Tamén se fai fincapé na importancia nestes días festivos de manter o confinamento.

Por outra parte membros da BRILAT, a través da Subdelegación do Goberno, procederon ao longo desta mañá a realizar tarefas de desinfección tanto no exterior coma no interior da Residencia San Telmo e da Residencia Paz y Bien.