Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Inaugurada a Semana do Libro e a lectura. Todas as tardes ás 18.30 h. contacontos.

19/05/2008

ONTE FOI INAUGURADA A SEMANA DO LIBRO E A LECTURA A CELEBRAR EN TUI

Todas as tardes haberá contacontos abertos ao público xeral e mañá unha actividade de formación para as familias

Onte domingo 18 de maio, ás 12,30 horas foi inaugurada a Semana do Libro e lectura, que organiza ao longo dos vindeiros días a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui.

No acto inaugural interviron a Delegada Provincial da Consellería de Cultura e Deporte, María Xesús López Escudeiro, e o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha. Nas súas breves intervencións ambos resaltaron as actividades desta semana como una aposta pola promoción da lectura entre os tudenses. López Escudeiro explicou o desenvolvemento da Semana e como Tui é unha das 10 cidades de Galicia onde esta actividade lévase adiante. Fernández Rocha, pola súa banda, agradeceu á Consellería esta elección de Tui que consolida o traballo que o Concello leva adiante dende a Biblioteca Municipal. De seguido o grupo “Migallas” presentou o seu espectáculo “Canta conosco!”.

Dende hoxe luns ao venres serán máis de 1.300 escolares dos centros de ensino do concello de Tui os que participarán nas actividades da Semana do libro e a lectura, que abrangue obradoiros de plástica, de monicreques, de ilustración, de contos e cantigas, de expresión escrita, teatro, etc, a cargo de recoñecidos profesionais como Mercedes Prieto, Marisa Irimia, Servando Barreiro, Antón Castro, Carolina Ramos, Tokio, etc.

De luns a venres ás 18,30 horas haberá una sesión de actividades abertas ao público a cargo de Manolo Vázquez, de Berrobambán Teatro, o luns 19; de Marisa Irimia, o martes 20; Servando Barreiro, o mércores 21; Charo Pita o xoves 22 e Chus Ferrín o venres 23 de maio.

Ao longo da semana desenvolvérase un curso de formación para o profesorado entre as 18,00 e as 20,00 h. na que participaran os profesionais que realizan os obradoiros para os cativos.

Tamén mañá martes 20 de maio, ás 18,30 horas realizarase unha actividade para as familias, denominada “Animación á lectura dende a casa” dirixida a pais e nais sobre dinámicas de animación á lectura a desenvolver no fogar, sobre a importancia de contarlles contos e lerlles aos nenos desde as idades máis temperás como forma de estimular a imaxinación así como proporcionarase información sobre as lecturas máis recomendadas segundo as idades.

Todas estas actividades terán lugar na Biblioteca Municipal de Tui, no edificio Área Panorámica.

Amais haberá diversas exposicións de libros, ilustradores e materiais elaborados polos alumnos dos centros educativos do concello tudense.

Finalmente a clausura terá lugar o sábado 24 de maio cunha nova actuación no Teatro Municipal ás 12,30 horas, desta volta coa actuación de Títeres Cascanoces que porá en escena a obra “A rúa das pantasmas”.