Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este sábado obradoiro "O mundo na túa cabeza" para rapaces de 8 a 11 anos

7/11/2006

O VINDEIRO SÁBADO OBRADOIRO “O MUNDO NA TÚA CABEZA” PARA RAPACES DE 8 A 11 ANOS

O edificio da Área Panorámica de Tui acollerá o vindeiro sábado 11 de novembro, a partir das 11,00 horas da maña un obradoiro de actividades de divulgación científica dirixido especialmente aos rapaces e rapazas de 8 a 11 anos de idade de Tui e a súa bisbarra.

Neste obradoiro os participantes poderán experimentar de xeito divertido e interactivo distintas cuestións arredor do funcionamento do cerebro e do sistema nervioso: que é un reflexo, onde está localizado o cortex cerebral da visión e do oído, comparar os cerebros de distintos animais, etc.

Este obradoiro forma parte das actividades que co gallo da celebración da “semana da ciencia” organiza na nosa cidade a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Tui.

O obradoiro estará a cargo de monitores especializado en animación científica e o acceso é libre.

Ata o vindeiro día 19 de novembro pódese visitar a exposición “O mundo na túa cabeza: ¿estás seguro do que ves?” que aborda un percorrido polo cerebro: dende o ollo até a creación de imaxes na cortiza, con experiencias interactivas, ilusións ópticas, visión nocturna e animación en 3D. Nos catro primeiros días de apertura desta exposición supéranse xa os dous centenares de visitantes, salientando especialmente a visita de grupos escolares de Tui e a súa bisbarra. Todas as visitas son guiadas para un meirande aproveitamento dos recursos que se amosan nesta exposición.

Complétase o programa de actividades o venres 17 coa posta en escena no Teatro Municipal tudense da obra “Silencio, cerebro, acción”, que achega aos espectadores a estrutura e función do cerebro.

O tema que centra este ano a Semana da Ciencia é a neurociencia, con motivo do centenario da entrega do premio Nobel a Santiago Ramón y Cajal, e a Semana da Ciencia en Galicia quere sumarse a esta conmemoración destacando actos específicos que teñen como protagonista ao cerebro e o sistema nervioso. Con estas actividades trátase de dar a coñecer aos cidadáns o resultado da investigación científica e de promover a valorización do traballo que os científicos desenvolven en beneficio da sociedade.