Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Esta fin de semana celébrase en Tui a V Mostra da Camelia Cidade de Tui organizada por ATUCA

17/01/2020

Mañá ás 12.30 h terá lugar o acto inaugural no Teatro Municipal

Mañá sábado, 18 de xaneiro, ás 12.30 h terá lugar no Teatro Municipal de Tui o acto inaugural da V Mostra da Camelia Cidade de Tui. Este evento está organizado por ATUCA, Amigos Tudenses da Camelia, co patrocinio do Concello de Tui, a Deputación de Pontevedra, o Xacobeo 2021 e a Xunta de Galicia, e a colaboración da Sociedade Española da Camelia.

A mostra reunirá a máis de 80 expositores de Galicia, Asturias e Portugal que achegarán distintas variedades de camelia en máis de 180 metros de exposición. Poderá visitarse na Sala Municipal de Exposicións mañá sábado de 16.30 h a 21 h e o domingo de 10 a 14 h e de 16 a 20 h.  

O acto inaugural contará coa actuación do grupo Saragana da Asociación do Traxe Tradicional de Tui e no transcurso do mesmo farase entrega dos premios dos concursos escolares de debuxo e poesía. O domingo ás 16.30 h fará un pasarrúas dende o Paseo da Corredoira até a mostra a Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro.  

Entre as novidades destacadas deste 2020 está a edición dun selo de Correos dedicado a exposición tudense.