Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Emprega Tui puxo en contacto hoxe a demandantes de emprego e empresas para coñecer as necesidades empresariais e como afrontar os procesos de busca de emprego

17/09/2019

Máis dun centenar de persoas en situación de desemprego coñeceron hoxe de primeira man cales son as cuestión que as empresas teñen en conta nas súas ofertas de emprego e cales son os perfís máis demandados.

Foi no transcurso do foro de emprego Emprega Tui que se desenvolveu na aula da UNED organizado polo Concello de Tui a través do Programa Integrado de Emprego, PIE. O foro comezou gardando un minuto de silencio en memoria das tres mulleres asasinadas onte en Valga, previo ao acto de apertura.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, na súa intervención salientou a importancia da participación da sociedade e da colaboración e aportación da masa empresarial. Indicaba que é fundamental implicar a todo o sector empresarial.  Ao tempo salientou que a administración ten que ser unha ferramenta eficaz para facer coincidir as prioridades dos demandantes e das empresas. Tamén avanzou  que dende o Concello de Tui van seguir apostando por este tipo de actuacións en formación.

A concelleira de Emprego, Ana Mª Núñez, apuntou que o obxectivo deste foro é integrar e facer de punto de encontro entre demandantes de emprego e empresas.  Lembrou que está organizado a través do Programa Integrado de Emprego, no que participan un centenar de persoas das 65 se incorporaron xa ao mercado laboral,12 están en proceso de formación práctica vinculada á incorporación a distintas empresas, e 3 contan con proxectos de autoemprendemento. Detallou tamén os catro itinerarios formativos realizados e a formación ofrecida en moi diversos eidos para mellorar a empregabilidade dos participantes.

A continuación Ana Concheiro, técnica do PIE, explicou que é este programa de integral de emprego que estará vixente até o 31 de outubro.  Da man da consultora Quick Up, do Eures Transfronteirizo, e ADECCO os participantes puideron coñecer a importancia de facer un currículo e como é por dentro un proceso de selección e puideron solventar as dúbidas que tiñan con respecto a distintos procesos selectivos, como afrontar unha entrevista de traballo ou traballar no país veciño. A parte final do foro correu a cargo de Luís Prados de Star Servicios, Matías García de Alonarti, Jesús López de Utingal, Carmen Crusat do grupo Marsan e Alberto Valin do Grupo Maier Ferroplast  que presentaron cada un súa empresa, as distintas políticas de reclutamento de cada unha delas e falaron dos procesos selectivos abertos nestas empresas para España, Portugal e Europa.

Entre os perfís máis demandados, segundo o exposto esta mañá en Emprega Tui, sitúanse persoas operarias de inxección, mantemento, loxística, soldadores/as, matriceiros/as, enxeñeiros/as aeronáuticos…