Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Dolores Rodal doa ao Concello de Tui un cadro de Ricardo Padín de 1870

13/04/2021

A tudense Dolores Rodal García vén de doar ao Concello de Tui o lenzo “Vista de Tui” pintado polo artista tudense Ricardo Padín en 1870.  O acto formal da entrega tivo lugar o pasado venres, 9 de abril, no salón de plenos da casa do concello.

 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto a membros da corporación, recibiu a doazón deste cadro da man de Dolores Rodal e dos seus familiares.

Neste acto, tras a sinatura do correspondente documento de doazón, Dolores Rodal expresou o seu desexo e o da súa familia de que esta obra que chegara ao poder dos seus antepasados se incorporase á custodia do Concello tudense para que fose contemplado polo veciños e enriquecese o patrimonio municipal.

Pola súa banda, o alcalde Tui agradeceu, en nome propio e da Corporación Municipal, o xeneroso xesto de Dolores Rodal e a súa familia. Enrique Cabaleiro reiterou a gratitude en nome dos veciños e veciñas de Tui con Dolores Rodal García e a súa familia que expresan deste modo o seu compromiso de cariño coa nosa cidade.

Esta obra pictórica ten gran interese histórico pois recolle unha visión de Tui e Valença co río Miño, previa á construción da Ponte Internacional.  Pasará a estar nun lugar visible da Casa do Concello.

Características da obra:

  • “Vista de Tui”
  • Dimensións 113x91 cm.
  • Técnica: óleo sobre lenzo
  • Data: 1870 (figura na obra)
  • Autor: Ricardo Padín, pintor tudense da segunda metade do século XIX con obra dispersa en domicilios e coleccións privadas. Conta cunha técnica depurada e formalista. E pai do afamado pintor e debuxante Eduardo Padín Rodríguez.
  • Descrición: vista de Tui dende a Alameda de San Domingos, inxerida no debuxo dun escudo oblongo que no seu bordo superior leva o nome do autor ·R. PADIN” e no inferior figura escrito: “A LA SOCIEDAD RECREATIVA DE TUY” figurando por baixo a data de 1870. A composición pretende ser naturalista, colocando en primeiro plano unha pastora con ovellas e cabras para sinalar o aspecto bucólico e idealizado da representación que contrasta coa fidelidade na representación da paisaxe de Tui e Valença xunto co río Miño.