Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Cinema, teatro e música na programación cultural do Teatro Municipal de Tui

31/01/2020

O Entroido, San Telmo e a Feira do Libro son os eventos previstos ao aire libre

Cinema, teatro e música centran a programación a desenvolver até o mes de maio no Teatro Municipal de Tui. Esta mañá presentouse a programación recollida nun novo número da axenda Corredoira Cultural na que se plasman tanto os eventos a celebrar no teatro tudense coma tamén os programadas ao aire libre. 

A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente. 

Catro espectáculos para público infantil, unha proxección de cinema, dúas obras teatrais para público adulto, xunto a cun concerto integran a proposta cultural do Teatro Municipal, á que se suman outros eventos no propio teatro e ao aire libre, que terán lugar entre os meses de febreiro e maio. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que “Tui sempre tivo, ten e terá na cultura unha das súas sinais de identidade”, indicando que a programación cultural “ten que ser tamén o reflexo de todo o noso patrimonio material e inmaterial” aludindo amais á promoción da cultura, tanto activa coma pasiva, que se realiza dende o Concello.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, destacou que a axenda Corredoira Cultural, da que se edita xa o número 38º, forma parte xa cidade agardando que o público goce dos espectáculos previstos tanto no Teatro Municipal coma ao aire libre.

Avanzaron tanto o alcalde coma a concelleira de Cultura que están traballar na realización dunha axenda conxunta con Valença xa que “é o elemento transfronteirizo nos distingue e engade un valor engadido”, dicía Enrique Cabaleiro. Nese senso o rexedor avanzou que o luns, 10 de febreiro, ás 21 h na Cámara de Valença celebrarase un pleno conxunto entre as corporacións municipais de Tui e Valença para conmemorar o oitavo aniversario da creación da Eurocidade.  Destacaba que será a primeira vez que se celebre unha sesión plenaria entre corporacións municipais de dous países. Tamén destacaron o traballo que está a realizar grazas ao fondos europeos no marco do proxecto Unicidade.

As Festas de San Telmo, a celebrar do 11 ao 20 de abril, virán marcadas tamén pola singularidade do municipio, e avanzaron que as atraccións de feira se instalarán na prolongación da rúa Casal Aboy, na zona de Canfram.

Programación cultural de febreiro a maio 

Catro espectáculo para público infantil, unha proxección de cinema, dúas obras teatrais para público adulto, xunto a cun concerto integran a proposta cultura do Teatro, á que se suman outros eventos no propio teatro e ao aire libre, que terán lugar entre os meses de febreiro e maio. 

A programación abrirase o próximo venres, 7 de febreiro, coa proxección de "O que arde" de Oliver Laxe, un filme que recibiu na fin de semana dous premios Goya á Mellor Actriz Revelación para Benedicta Sánchez e o de Mellor Dirección de Fotografía para Mauro Herce. O cinema volverá ser protagonista coa celebración da décimo sexta edición de Play Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui do mércores 29 de abril ao domingo 3 de maio. 

O público infantil poderá gozar coa representación de "Zapatos", a obra de teatro para bebés que en dobre pase achegará ao teatro tudense Caramuxo Teatro o sábado 8 de febreiro, e con "A nena e o grilo máis aló" , o espectáculo músico-teatral que achegará Magín Blanco o sábado 15 de febreiro, e con "The show moscón" que Galitoon presentará o venres 6 de marzo. Amais "Aguratrat" de Roald Dahl chegará a Tui o venres 13 de marzo con Pérez & Fernández

Talía Teatro e Contraproducións serán as compañías que acheguen as súas propostas teatrais para público adulto. O venres 14 Patricia Vázquez e Rebeca Montero de Contraproducións levarán a escena "A compañeira de piso" , unha comedia escrita por Jen Silverman.  O sábado 7 de marzo "Vida de cans" será a obra que representen Toño Casais, Dani Trillo e Artur Trillo nunha montaxe de Talia Teatro. Trátase dunha comedia escrita e dirixida por Cándido Pazó. 

A programación do Teatro Municipal contempla o sábado 14 de marzo  o concerto "Memoria da melancolía" da man do tudense Samuel Diz. O músico e investigador homenaxea a María Teresa León no seu novo traballo discográfico. Faino a través da súa autobiografía e de músicas inéditas de compositoras e compositores coetáneos á escritora que viviron o exilio republicano da Guerra Civil española.

No referente ás actividades a celebrar ao aire libre a primeira prevista será o Entroido co desfile concurso o martes 25 de febreiro - festivo local - e o Enterro do Bacallau o domingo 1 de marzo.  A seguinte cita será do sábado 11  ao luns 20 de abril coas festas patronais na honra a San Telmo.  

Para celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero, Tui organiza a vixésimo terceira edición da Feira do Libro Galego no Paseo da Corredoira.