Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Catro autobuses sairán do Baixo Miño para asistir á manifestación en defensa da sanidade pública en Santiago de Compostela

11/11/2021

A Mancomunidade do Baixo Miño puxo a disposición da veciñanza este transporte gratuíto para facilitar os desprazamentos

Este domingo, 14 de novembro, sairán catro autobuses do Baixo Miño con veciños e veciñas de Tui, Tomiño, A Guarda e O Rosal para asistir á manifestación en defensa da sanidade pública que se celebrará a partir das 12 h en Santiago de Compostela. 

A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño pon a disposición da veciñanza este transporte gratuíto para facilitar aos veciños e veciñas dos catro concellos o desprazamento ata o punto de saída da manifestación.

As persoas interesadas poden solicitar a súa praza ata este venres 12 ás 12.00 horas do mediodía a través do formulario habilitado na web municipais e da propia Mancomunidade

En Tui o autobús sairá ás 10.15 hdende a parada de autobús da rúa Ourense.

En Tomiño o autobús sairá ás 10.00 h do Auditorio de Goián e fará paradas nas marquesinas situadas na estrada en Figueiró, Estás, Seixo (rotonda Avenida), Forcadela, Carregal, Amorín, Currás, e Sobrada Torrón.

No Rosal o bus sairá da Praza do Calvario ás 09.45 horas e fará paradas no parque de Pías, nas parada de autobús da alameda de San Miguel, e de San Xoán de Tabagón.

Ás 09.45 h sairá o transporte dende o Centro Cultural da Guarda, da parada de autobús da rúa Rosalía de Castro, con parada única.

Prégase a máxima puntualidade na saída dos autobuses. A hora de regreso será ás 16.00 h e o punto de encontro para a saída confirmarase na viaxe de ida. 

Dende a Mancomunidade reclámase unha mellora da atención sanitaria nos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo. Aos recortes súmase a falla de substitucións por baixas ou vacacións, o que provoca que nos centros haxa pouco persoal sanitario dispoñible e longas esperas para obter unha cita.