Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

45 profesores participan no curso de formación da Semana do Libro e a Lectura

20/05/2008

UN TOTAL DE 45 PROFESORES PARTICIPAN NO CURSO DE FORMACIÓN DA SEMANA DO LIBRO E A LECTURA

Un total de 45 profesores dos diversos niveís educativos participan ao longo desta semana do curso de formación que no marco das actividades da Semana do Libro e a Lectura desenvólvenese na Biblioteca Pública Municipal de Tui.

Son profesores procedentes do concello tudense así como doutros municipios do Baixo Miño que nun número que sorprendeu aos organizadores pola súa amplitude asisten a este curso de 10 horas, cuxa homologación está xa solicitada á Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

O programa abrangue unha formación esencialmente práctica, con obradoiro de ilustración a cargo da editorial OQO, celebrado o lúns. O martes é un obradoiro de danza dirixido por Mercedes Prieto, o mércores será Marta Dacosta que cun obradoiro de escrita creativa os achegue a novos xeitos de comunicar as nosas historia, o xoves Antón Castro dirixe un obradoiro de música e finalmente será Carolina Ramon quen o venres forneca aos asistentes de recursos didácticos de utilidade vencellados ao teatro.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, a importante respota acadada por esta convocatoria de formación para o profesorado testemuña o interese suscitado polas actividades da Semana do Libro e a Lectura que se desenvolve na nosa Biblioteca Municipal do 18 ao 24 de maio cunha morea de actividades.

Rodríguez Pérez salienta que nunha nova oportunidade o Concello de Tui aposta con intensidade pola promoción do libro e a lectura a través do seu servizo bibliotecario, ao entender que deste xeito favorecese o acceso dos cidadáns á cultura e á información, elementes imprescindibles para a súa formación integral e para o seu lecer.

A Semana do Libro e a Lectura está organizada pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui.