Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O novo pavillón municipal de Tui acollerá a próxima semana as probas da ABAU para o alumnado do Baixo Miño

3/07/2020

Máis de 270 alumnos e alumnas dos institutos de Tui, Tomiño e A Guarda realizarán os exames de acceso á universidade 

A próxima semana, o martes 7, mércores 8 e xoves 9 de xullo, o novo pavillón deportivo municipal de Tui acollerá aos alumnos e alumnas de 2º de bacharelato do IES A Sangriña da Guarda, do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño,  do IES San Paio e do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui, para a realización das probas da ABAU.

No pavillón está xa todo preparado para acoller ao alumnado conforme as medidas de seguridade establecidas. Este ano debido á pandemia da COVID-19 descentralizáronse as probas de acceso á universidade evitando así grandes aglomeracións e permitindo gardar a distancia social establecida.

A Universidade de Vigo e o Concello de Tui coordinaron a montaxe de todo o mobiliario necesario para a celebración das probas, así como o establecemento dun protocolo diario de desinfección e limpeza dos mesmos.
De xeito xeral en toda Galicia, os alumnos e alumnas deberán levar obrigatoriamente máscara e terán limitado o número de obxectos que poderán levar consigo.