Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui acometerá o desentullo da zona cero de Paramos se así o aproba o pleno municipal o próximo día 27

14/12/2018

O informe do arquitecto acreditando a perigosidade da situación permitirá acollerse á vía de emerxencia

O pleno da corporación municipal pronunciarase o 27 deste mes sobre a adxudicación por vía de emerxencia do desentullo da zona cero de Paramos, logo de que un informe do arquitecto municipal encargado da catástrofe considere que si cabe esta vía.

En concreto o arquitecto pronunciase no seu informe sobre a urxencia de acometer determinadas actuacións coma o desentullo total da zona cero, o derrubo de tres segundas plantas de tres edificacións e a consolidación dos muros que dan a viarios públicos por considerar que a situación na que se atopan supoñen un “grave perigo inminente”.

Logo deste informe a semana que vén o Concello recibirá o proxecto coas modificacións necesarias para que teña cabida a vía de emerxencia.  Tras isto serán solicitados 3 ou 4 orzamentos dos traballos a realizar.

Con esta documentación no pleno ordinario, do 27 deste mes, o alcalde, Carlos Vázquez Padín, avanza que se proporá a declaración de emerxencia para adxudicar directamente as obras, habilitar o crédito preciso para realizar os traballos, e adxudicar as obras á unha das empresas que presenten orzamento. Tamén se proporá adoptar un acordo unánime da corporación solicitando ao goberno central o compromiso formal para financiar estes traballos.  O alcalde considera que é preciso este compromiso xa que aínda que o Concello de Tui será quen adiante os cartos precisos para realizar estes traballos, ter que asumir esa contía, sen ter a seguridade de recuperar o investido, suporía hipotecar a realización  doutros proxectos na cidade.

Coa aprobación estes acordos plenarios, o 27 deste mes, os labores de desentullo na zona cero de Paramos poderán comezar no mes de xaneiro.