Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Centro Municipal de Formación acolle un Punto de Información, Orientación e Prospección para persoas con discapacidade

15/09/2020

Esta mañá tivo lugar a sinatura do convenio para a prestación do servizo entre o Concello de Tui e COGAMI

O Centro Municipal de Formación do Concello de Tui, situado en Guillarei, conta cun Punto de Información, Orientación e Prospección dirixido a persoas con discapacidade.  Este servizo está recollido no convenio de colaboración asinado esta mañá entre o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente de COGAMI, Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Anxo Queiruga.

No acto, desenvolvido na casa do concello, contou coa presenza da concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, o presidente de VONTADE, Miguel Pazo, entre outros.

Grazas á sinatura deste convenio o servizo préstase en instalacións municipais, continuando o labor que COGAMI realizou ao longo dos últimos anos no Centro Sociomunitario de Tui.  En concreto trátase do Servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego (SIL) que atende previa cita no teléfono 986 28 18 93 ou no correo silvigo@cogami.gal.

Previa a sinatura do convenio o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu a COGAMI o seu labor recoñecendo que “sodes os que suplides un labor que debería ser prestado polo conxunto das administracións públicas”. Indicou que “nós estaremos sempre abertos a COGAMI, a  VONTADE, e ás asociación que o precisen para establecer calquera tipo de colaboración necesaria e polo tanto asumir tamén o grao de responsabilidade que nos compete coma administración”.

A concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, explicou os obxectivos deste convenio que son a colaboración de ambas entidades na atención e promoción das persoas con discapacidade, na busca da mellora da empregabilidade e de ofrecer unha atención e asesoramento especializado que favoreza a inserción laboral.  Ao tempo agradeceu o labor que realizan dende COGAMI “por un mundo máis inclusivo e máis igualitario”. 

Pola súa parte o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, indicou que neste punto en Tui traballan para mellorar a inserción laboral, a busca activa de emprego, e en planificar accións formativas para persoas con discapacidade. Na actualidade teñen xa na súa base de datos inscritas a 150 persoas de Tui, das que 53 son mulleres e 97 homes.  Apuntaba que é preciso facer un reforzo das políticas de emprego para persoas con discapacidade, por iso indicaba que é importante “calquera tipo de colaboración que axude ás persoas a crer nas súas capacidades”. Os servizos que prestan van dirixidos tanto ás persoas con discapacidade coma ás empresas que desexen contratar a unha persoa con discapacidade ou que precisen asesoramento en accesibilidade.

O texto do convenio recolle que “a finalidade perseguida é mellorar as oportunidades de inserción laboral de persoas con discapacidade da comarca do Baixo Miño, a través da posta a disposición das mesmas do servizo que realiza COGAMI en dependencias municipais do Concello de Tui, que conta coas infraestruturas e recursos axeitados ás actividades que COGAMI desenvolve a través das accións que pon a disposición das persoas con discapacidade”. A posta en marcha deste punto suporá unha mellora importante na atención e servizos que COGAMI presta ás persoas con discapacidade residentes na comarca, así como para acadar e potenciar o contacto coas empresas da contorna de cara a fomentar a creación de emprego para este colectivo, segundo recolle o documento.