Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui – Valença organiza e acolle os actos de campaña informativa da iniciativa “Xuventude en Movemento – Youth on the Move” os vindeiros días 26 e 27 de Outubro

16/10/2012

“Xuventude en Movemento” é unha iniciativa da Unión Europea para dar resposta aos retos a que se enfrontan na actualidade os mozos e mozas e así axudalos a que teñan éxito na economía do coñecemento. Trátase dun programa marco da Estratexia Europa 2020 que pretende fomentar a mobilidade, a educación, o emprego e o espírito empresarial entre a xuventude. Para dar a coñecer esta iniciativa a Comisión Europea está a desenvolver en diversas cidades europeas unha campaña de información e sensibilización, en colaboración coas autoridades rexionais e locais, e chega á Eurocidade Tui-Valença os vindeiros 26 e 27 de outubro.

 

Os actos de campaña implican a organización de seminarios, debates, espectáculos, concertos de música, concursos, deportes, postos expositivos e actividades de celebración do vixésimo quinto aniversario do Programa Erasmus.

 

Nunha carpa a instalar no céntrico Paseo da Corredoira tudense, a Comisión Europea a través de diversas institucións participantes ofrecerá información sobre os seus programas de emprego, educación, cultura ou mobilidade (Erasmus, Marie Curie, Erasmus para Mozos Emprendedores). Ao longo da xornada organizaranse obradoiros sobre cómo utilizar os medios de comunicación social para procurar emprego, innovación no ámbito rural, o ensino de idiomas, a Formación Profesional Dual alemá, entre outros.

 

Ademais, o evento inclúe diversas actividades de caracter lúdico como un concerto na noite do venres, diversos mini-concertos ao longo do sábado, intervencións artísticas, unha andaina dende Valença ata Tui e outras activades deportivas. Co gallo do aniversario do programa Erasmus está prevista a presenza da nosa cidade de máis de 200 estudantes internacionais procedentes de diversas Universidades de Galicia e o Norte de Portugal.

 

Máis información en:  http://ec.europa.eu/youthonthemove

https://www.facebook.com/pages/Xuventude-en-Movemento-Juventude-em-Movimento-TUI

https://twitter.com/JEM_XEM