Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Comunicado do Concello de Tui sobre o desentullo de Paramos

30/11/2018

Tendo en conta que o concello non recibiu borrador do convenio que propón establecer o Goberno central, lembrando que o concello elaborou e entregou na subdelegación do goberno en Pontevedra un proxecto para a execución do desentullo do barrio da Torre en Paramos e que o Goberno, a través de varios dos seus responsables políticos, ten manifestado de forma pública o seu compromiso co financiamento do desentullo.

O concello quere deixar claro que fará todo o que estea nas súas mans para axilizar a execución do desentullo, como leva feito até o de agora, sempre salvagardando os intereses de todos os tudenses e cumprindo a lei. O máis útil pensando nos veciños e establecer un diálogo eminentemente técnico e xurídico.

O concello está disposto a executar o desentullo se se encontra unha vía xurídica que permita a axilización desa execución, seguimos mantendo que un sometemento ao procedemento ordinario da lei de contratos, retrasaría moito, e seria moi lesivo para os veciños. As reticencias manifestadas en semanas anteriores polo concello con respecto á sinatura dun convenio teñen que ver co temor ao gran retraso que xeraría o sometemento á Lei de Contratos.

Hoxe mesmo un asesor xurídico do Concello de Tui enviou un correo electrónico dirixido á Vicesecretaria General Técnica do Ministerio de Política Territorial, realizando unha consulta xurídica.

Tamén se enviou á Secretaria General Técnica do Ministerio de Política Territorial unha carta solicitando unha reunión de carácter técnico e xurídico para colaborar na elaboración dun convenio entre Concello e Goberno central.

Ese convenio podería ser a dúas bandas Concello-Estado ou a tres, coa posible incorporación da Xunta de Galicia, que se ten ofrecido, se o Goberno central e Concello concordan, no desenvolvemento das súas conversas, que pode ser útil.